"O éxito do Mercado da Primavera radica na participación, cada ano  máis, da xente nova"

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO O VALADOURO / LA VOZ

O VALADOURO

CEDIDA

Lionel Rexes, escritor, pregoará esta noite a festa, ás 21.00 horas, na Casa da Cultura de Ferreira

23 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O salón de actos da Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro acollerá esta noite, ás 21.30 horas, a lectura do pregón do XII Mercado Tradicional de Primavera, que organiza o Concello coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo e outros colectivos. O escritor mariñán Lionel Rexes (París, 1971) será o encargado de pregoar a festa. Media hora antes, haberá un pasarrúas da asociación Amado Lar e ás 22.00 horas, na mesma Casa da Cultura, terá lugar unha exhibición de baile en zocas. Mañá, sábado, será o día grande con múltiples actividades.

?Vostede será o pregoeiro esta noite, ¿como se sente?

?Síntome moi orgulloso. Foi unha alegría moi grande porque son moi partidario destas festas que perseguen recrear o pasado. E con este Mercado da Primavera estanse recreando dalgún xeito aqueles mercados que se celebraban cada 25 de marzo. Foi un mercado que se deixou de facer naquela época na que os mercados comezaron a decaer. Agora, consérvase a data, cambiou o nome, e organízase un mercado adaptado aos tempos. Creo que é moi importante que os pobos pequenos como os nosos, do interior da Mariña, traten de recuperar as súas tradicións locais, pero adaptándoas aos tempos actuais. Proba do éxito é que as novas xeracións son as que máis están participando nestas festas. A implicación das novas xeracións é unha proba de que a recuperación do mercado se está facendo acertadamente. O éxito do Mercado da Primavera radica na participación, cada ano máis, da xente nova, que se caracteriza, participa nas actividades...

?¿Como valora a incorporación de novos actos ao programa?

?É outro dos acertos. Cada ano se incorporan novidades. Este ano, por exemplo, hai unha mostra moi interesante de Xosé Blanco. Incorporar a faceta artística ao programa de actos é moi importante. Se a isto lle sumas o cartel musical que se ofrece... cun grupo mítico do rock galego como é Astarot, ou coa presenza da Banda de Balbina. É un cartel musical moi bo que vai captar a atención da xente moi nova, pero tamén doutra xente, coma a da miña xeración.

?¿Que compartirá cos veciños e visitantes no seu pregón?

?Para min foi un orgullo que me elixiran pregoeiro, sobre todo tendo en conta que foi Miguel Vila a persoa que me precedeu neste cargo. Miguel Vila é un referente na literatura gastronómica e tamén un amigo. No pregón incidirei sobre todo na tradición comercial e mercantil da vila de Ferreira. O mercado semanal e outros mercados, como o do outono, o do mel e outros, son un símbolo de Ferreira. Denotan que hai unha tradición comercial. Na miña intervención eu tratarei de pescudar na orixe da tradición, analizando a ruta dos maragatos, pero sen ocultar unha teoría especial que eu teño, vinculada ao ferro. Daí pode vir a orixe máis remota. Farei un repaso da toponimia vinculada ao ferro e tamén introducirei uns parágrafos dun artigo do escritor Luis González Tosar sobre O Valadouro e a súa aportación ao Museo do Pobo Galego.