Hoxe, despois de vivir unha edición tan especial como a do 870 aniversario, só podo sentir orgullo e, sobre todo, un agradecemento enorme. 870 anos dise rápido… pero detrás de cada un deles hai unha historia, un esforzo, unha ilusión e moitas persoas que dedicaron o seu tempo e o seu cariño para que As San Lucas sigan vivas.
Moitas xeracións, moitas comisións, moitos gandeiros e moita xente que, sen pedir nada a cambio, traballou por manter viva esta tradición que tanto significa para todos nós. Porque As San Lucas non son de ninguén, son da xente. De todas esas persoas que, dunha maneira ou doutra, formaron e forman parte desta historia. Das que estiveron antes ca nós, das que estamos hoxe e das que virán mañá. Grazas a todas as persoas que colaborastes, que botastes unha man, que estivestes aí cando fixo falta e que, moitas veces desde o anonimato, fixestes posible que todo saíse adiante.
Grazas ao Concello de Mondoñedo, ás institucións, aos patrocinadores, á Garda Civil, á Policía Local, aos servizos de emerxencias, aos traballadores, aos voluntarios e a todas esas persoas que, dun xeito ou doutro, poñedes o voso gran de area. Un agradecemento moi especial aos meus compañeiros e compañeiras da asociación. Porque detrás do que a xente ve hai moitísimas horas, preocupacións, sacrificios e momentos que só nós coñecemos. E tamén moitas alegrías que compensan todo o demais. E, por suposto, grazas ás nosas familias, que tantas veces son as que máis comprenden as ausencias, os nervios e o tempo que dedicamos a isto.
Pero, por riba de todo, grazas a vós, aos San Luqueiros e San Luqueiras, aos gandeiros e a toda esa xente que cada outubro volve encher Mondoñedo de vida. Sodes vós os que facedes grandes As San Lucas. Ninguén é imprescindible, pero todos deixamos unha pequena pegada nesta historia tan grande. E poder formar parte dela é algo que levarei sempre comigo.
As persoas pasamos, os nomes co tempo poden esquecerse, pero o importante é que As San Lucas continúen, sempre, por riba de calquera de nós. Grazas de corazón por tanto cariño, por tanta colaboración e por facerme sentir o privilexio e a responsabilidade de traballar por algo que quero tanto.
Porque nós estamos de paso… pero As San Lucas son eternas.
Grazas, de corazón.