Aprender no IES San Rosendo de Mondoñedo, da finca de prácticas ao invernadoiro intelixente
MONDOÑEDO
A aposta pola innovación e colaborar co tecido produtivo sitúano como referente
30 jun 2026 . Actualizado a las 07:56 h.Modernas instalacións, unha forte compoñente práctica, contacto directo co sector produtivo e unha aposta pola innovación e a actualización de infraestruturas consolidan ao IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo como centro de referencia na Formación Profesional agroforestal para futuros profesionais do sector primario. A súa oferta formativa inclúe os ciclos superiores de Xestión Forestal e do Medio Natural e de Paisaxismo e Medio Rural (modalidade modular a distancia), os ciclos medios de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e de Xardinaría e Floraría, e o ciclo básico de Agroxardinaría e Composicións Florais.
Estas ensinanzas ofrecen saídas profesionais con alta demanda laboral, como axente forestal e medioambiental, intérprete ambiental, especialista en maquinaria forestal, persoal de prevención e extinción de incendios, viveirista, florista ou xardiñeiro, entre outras. O centro dispón dunha finca de prácticas de case 3 hectáreas de superficie. Nela están os aularios e as instalacións de formación agroforestal. Todo o recinto é unha auténtica aula ao aire libre na que o alumnado adquire experiencia práctica en zonas forestais, espazos axardinados e áreas de produción vexetal.
A modernización das instalacións foi unha aposta determinante nos últimos anos. Neste curso entrou en funcionamento un novo invernadoiro tecnificado de alta eficiencia enerxética, equipado con sistemas automatizados de ventilación e rega, instalación fotovoltaica e sistemas de recollida de auga de choiva que permiten garantir a autosuficiencia hídrica e enerxética, explican desde o IES. Tamén incorporaron unha retroexcavadora, que lle permite aos estudantes familiarizarse co manexo dunha maquinaria cada vez máis empregada no sector. O parque complétase con tractores agrícolas e tractores cortacéspedes. A estas ferramentas hai que sumarlle un dron para traballos de cartografía e seguimento do territorio, instrumental topográfico e dasométrico de precisión e un simulador forestal Komatsu con asento integrado capaz de recrear situacións reais de operacións de maquinaria forestal nun contorno virtual.
Vínculos
Desde o IES mindoniense lembran que a vinculación co sector produtivo é unha das señas de identidade do centro, que mantén colaboración permanente con empresas, Administracións, asociacións profesionais e entidades do ámbito agroforestal. Esto permítelles coñecer as necesidades reais do mercado laboral e facilita a inserción laboral do alumnado.
A formación práctica reflíctese nos períodos de estadías en empresas e institucións onde os alumnos completan a súa aprendizaxe. Tamén poden explorar novas oportunidades internacionais da man do programa Erasmus +. Neste curso, estudantes do centro realizaron prácticas no estranxeiro e, de forma paralela, establecéronse novos contactos de colaboración co Parco Nazionale d'Abruzzo, Lazio e Molise, en Italia, co obxectivo de ampliar futuras posibilidades de mobilidade e cooperación internacional.
A formación no instituto mindoniense complétase con múltiples obradoiros, como os de reprodución e cultivo de cogomelos; con saídas técnicas relacionadas coa prevención, a extinción e a investigación de incendios forestais; con charlas, con proxectos e con outras actividades que fomentan a innovación, a sustentabilidade e o coñecemento do territorio.
Outras actividades
Neste curso organizouse a xornada «Creando sinerxias no rural» polo Día Mundial do Medio Ambiente. Profesionais, técnicos e investigadores abordaron nunha mesa redonda os principios retos e oportunidades do medio rural. Favoreceu o intercambio de coñecementos e experiencias entre alumnado e expertos.
O alumnado aprendeu a instalar un apiario e boas prácticas apícolas nun curso de apicultura.
O centro participa no programa Voz Natura con proxectos de conservación da biodiversidade e de educación ambiental. Segue traballando na creación e mellora de espazos con plantas aromáticas e medicinais que favorecen a presenza de insectos polinizadores e na divulgación de usos medicinais e alimentarios de plantas silvestres.