Antonio Rodríguez Basanta, cura desde hai medio século: «Ser sacerdote é asumir compromisos, saber escoitar, acompañar e servir»

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

MONDOÑEDO

Antonio Rodríguez Basanta, párroco da concatedral de Ferrol, é sacerdote desde hai medio século.
Antonio Rodríguez Basanta, párroco da concatedral de Ferrol, é sacerdote desde hai medio século. CESAR TOIMIL

Afirma que, ao longo dos últimos cincuenta anos, «a sociedade cambiou moito»

18 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Rodríguez Basanta, que agora cumple medio século como sacerdote, naceu en Xove en 1950. Estudou no Real Seminario de Santa Catalina, en Mondoñedo, e, máis tarde, na Universidade Pontificia de Salamanca e na de San Dámaso, en Madrid. Experto en Pedagoxía Catequética, foi profesor da Escola Diocesana de Teoloxía, así como do Instituto Superior de Ciencias Relixiosas San Agustín e da Escola de Axentes de Pastoral. Foi párroco nas terras de Ourol e do Vicedo, en Ribadeo, nas Pontes, na Terra Chá, en Viveiro, en Neda e, finalmente, en Ferrol. Tras desempeñar, entre outros cargos, os de vigairo xeral da Diocese de Mondoñedo-Ferrol e o de administrador diocesano, na actualidade, ademais de párroco da concatedral ferrolá de San Julián e coengo da catedral de Mondoñedo, é vigairo para a sinodalidade, e membro dos consellos diocesanos Presbiterial, Pastoral e de Goberno, así como do Colexio de Consultores. Foi ordenado sacerdote en Xove, polo bispo Araúxo Iglesias, o día 1 de maio de 1976.

—Cando comezou a exercer o sacerdocio, Galicia era moi distinta...

—Eran, en moitos sentidos, tempos difíciles, si.

—A sociedade cambiou moito, neste medio século.

—A sociedade cambiou moito no seu conxunto, é verdade. E despois cambiou moito tamén a mocidade. Sen que isto que vou dicir se interprete, por favor, como unha crítica, penso que a mocidade de hoxe é moi distinta da que eu vivín. Na nosa xuventude nós eramos moito máis comprometidos. Habitabamos máis a utopía, si é que se prefire dicir así. Sabiamos que o futuro era incerto, pero tamén sabiamos que era importante arriscar, asumir riscos e comprometerse. Como fixemos, por exemplo, cando estabamos estudando en Salamanca.

—Que foi o que fixeron?

—En Salamanca, na Pontificia, fixemos unha folga de dous meses, que levou ao Vaticano a enviar un visitador para ver qué era o que sucedía. Nós non estabamos dispostos a tolerar que entre o profesorado houbese moita xente que non asumía o Concilio Vaticano II. Alzamos a voz contra iso e conseguimos que nos cambiasen a boa parte do profesorado. Hoxe unha cousa coma esa sería totalmente impensable...

—Como foron os seus primeiros anos de sacerdocio?

—Eu empecei nunha zona moi rural, como é a do interior de Ourol, de Muras e do Vicedo, e que ademais xa daquela estaba moi despoboada. Apenas había estradas asfaltadas, xa non digamos teléfono, e en moitos lugares nin sequera había luz. E certamente foi unha experiencia dura, pero tamén un tempo no que aprendín moito. Foi unha época na que os sacerdotes, ademais do noso labor pastoral, fixemos todo canto estivo na nosa man para ser, tamén, dinamizadores da sociedade. E procuramos unir a xente para conseguir abrir e asfaltar camiños, para que se puxese a luz eléctrica e, en xeral, para romper co illamento. E tamén traballamos moitos para lograr que os rapaces puidesen estudar, xestionando a concesión de axudas ao estudo. Foi unha etapa moi importante. Ser sacerdote é asumir compromisos e, por suposto, saber escoitar, acompañar e servir.

—Hoxe, a concatedral de Ferrol está, por fin restaurada.

—Si, pero iso non é un mérito meu. Aquí traballaron, e fixeron canto pudieron, todos os párrocos que me precederon. Pero é importante, si que o é, que a concatedral estea rehabilitada. É algo valioso para a cidade no seu conxunto, como o é o proxecto de Abrir Ferrol ao Mar.

—Quen foi para vostede un exemplo a seguir?

—Manuel Cillero, Manolo Mejuto, José Manuel Carballo, Gonzalo Folgueira, Alfonso Gil Montalbo...! E tamén, dun xeito ou doutro, todos os bispos que pasaron por esta Diocese. Todos somos instrumentos da obra de Deus.

«O centro de Ferrol perdeu moita poboación, pero iso, pouco a pouco, cambiará»

Conta Antonio Rodríguez Basanta, Toño, que para el é motivo de fonda satisfacción ver cómo a xente se alegra de que a concatedral estea por fin rehabilitada. «Chámalles moito a atención —di o sacerdote— aquilo que é máis visible. Especialmente as torres e a fachada. Pero non hai que esquecer —engade— que a restauración da concatedral foi moito máis que iso: unha obra moi importante que esperemos que sirva para manter o templo en bo estado durante moitísimos anos».

—Como ve vostede hoxe, en xeral, o casco histórico de Ferrol?

—A ver, é evidente que o centro de Ferrol perdeu moita poboación. É lei de vida. Pero estou convencido de que iso, pouco a pouco, cambiará. Porque que volva haber traballo en Ferrol atraerá moita xente nova. E eu confío en que todas esas vivendas que hoxe vemos pechadas vaian estar habitadas de novo a non tardar moito. Como confío, tamén, en que os locais que vemos pechados vaian acollendo, pouco a pouco, outros negocios novos.

—Ferrol será Patrimonio Mundial?

—Eu creo que si, porque en verdade o merece. E ademais penso que con esa declaración de Patrimonio Mundial, cando se consiga, terá moito que ver a nosa concatedral, que é todo un símbolo do Ferrol do século XVIII.

—A crise de vocacións sacerdotais é un dos máis graves problemas que ten hoxe a Igrexa.

—Si, un grave problema que quizais non se solucione nun breve prazo. Pero creo que, antes ou despois, tamen iso cambiará, e que volverán rexurdir as vocacións.