Manolo Barreira, máis de 30 anos de entrega ao fútbol de Mondoñedo: «Antes de irnos, ben merecemos unha mariscada»

Iván Díaz Rolle
IVÁN ROLLE MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

Barreira mostra a camiseta conmemorativa do ascenso ante a grada do Viñas da Veiga.
Barreira mostra a camiseta conmemorativa do ascenso ante a grada do Viñas da Veiga. PEPA LOSADA

Dirixente do Mondoñedo Ciudad desde 1995, fundou seis anos despois o Mondoñedo FC, que por fin foi campión de liga: «Chegamos ata aquí grazas ao esforzo de centos de xogadores que non cobraron un céntimo»

06 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Tivo que esperar un cuarto de século desde a súa fundación no 2001, pero o Mondoñedo FC por fin é campión de liga. «Custou, pero foi ao grande. Levámolo todo, non perdemos un partido, e ata gañamos o pichichi con Javi», valora sobre o curso en Terceira Futgal José Manuel Barreira García, Manolo (Vilaoalle, Mondoñedo, 1968), a testemuña máis acreditada da historia dun club herdeiro do Mindoniense e o Mondoñedo Ciudad. «Chegamos ata aquí grazas ao esforzo de centos de xogadores que, sen cobrar un céntimo, permitiron que cada ano poidésemos seguir sacando o equipo a competir. Temos ese pacto, un esforzo mutuo da directiva e o plantel», razoa o presidente e fundador da entidade do Viñas da Veiga.

«Cando o Mindoniense entrou en decadencia e desapareceu, formamos este club con xogadores dos dous equipos do Concello», lembra un home que foi xogador do Ciudad ata pouco despois de asumir o cargo de presidente. «Empecei a xogar no 92. Xogaba de interior ou no medio, gustábame e aínda marcaba ben goles, pero non era moi bo; os bos ían para o Mindoniense (ri). Casei no 94 e no 95 debeu ser cando entrei na directiva. Nunca pensara parar, ía tamén aos maratóns de fútbol sala e todo, pero non quería que ninguén pensase que tiña privilexios como futbolista por levar o club», conta.

Máis de 30 anos despois, Manolo Barreira exprésase «contentísimo co respaldo da xente». «Un presidente dun club así fai de todo, pero sempre me rodeei de xente moi boa e puiden delegar funcións. A tesoureira tamén leva 25 anos aquí. As fichas, a día de hoxe, non sabería tramitalas, pero hai moitas más funcións que teño que facer: limpar as gradas, pintar o campo, recoller os balóns, solicitar as subvencións, buscar socios, vender lotaría... Tamén me gusta ir aos adestramentos, por se pasa algo, e este ano, como fixo moi mal tempo e adestramos moitas veces no seminario, ía polas chaves, que non llas dan a calquera. Facémolo desinteresadamente, para que haxa deporte na cidade, agora incluso temos canteira. E iso que ningún dos directivos temos familiares xogando», repasa un home que tamén exerce de delegado nos partidos. 

Foi ata reporteiro

«Non me gusta poñerme no banquiño, pero a maioría dos árbitros xa me coñecen e non me poñen problema. Tampouco lles protesto nada, entendo que están nunha posición moi indefensa. A min gústame quedarme só nun curruncho, gravo algunha xogada, e incluso teño feito de reporteiro. Antes chamábanme dos xornais para facer as crónica. Tíñame que fiar un pouco do que me contaba a xente, porque case pasaba máis tempo indo polos balóns fóra do campo», analiza Barreira.

O equipo adestrado por Nico Veiga deulle un «alegrón» que compensa os esforzos por compaxinar o seu traballo desde hai 37 anos na farmacia da Praza da Catedral coas súas responsabilidades no Mondoñedo FC. «A responsabilidade da directiva é exactamente a mesma que cando descendemos o ano pasado. Nin antes éramos tan malos nin agora tan bos, pero a decepción cando baixas é grande por todo o traballo que facemos. Despois a xente segue acompañándonos esteamos nunha categoría ou noutra», destaca. 

Sacrificios familiares

«Teño remordementos porque lle levo quitado moito tempo á familia polo fútbol. A miña filla xoga ao baloncesto e o fillo toca nunha orquestra, pero case nunca podo ir velos. Debera ser un pouco máis egoísta ás veces, pero se estás, hai que estar», confesa Barreira, tamén moi afeccionado á musica. «Canto na coral», destaca.

A súa adicación permite que o club teña unha longa esperanza de vida. «Penso que, antes de irnos, ben merecemos unha mariscada. As contas están totalmente saneadas», manifesta un dirixente que só deixou a presidencia un ano, cando foi candidato á alcaldía polo PSOE. «Como o goberno local era doutro partido, tíñamos medo de que nos penalizase nas axudas. Entrou como presidente un concelleiro, pero ao seguinte xa volvín eu. Sempre digo que, quen queira o posto, aí o ten. As cousas desde fóra vense moi fáciles», relata.

Por encima dos resultados, Manolo destaca persoas e momentos: «O mellor é ir por aí e coñecer tantísima xente. E os momentos, como a aperta que me dei co adestrador no anterior ascenso en Rioaveso. E o peor, as lesións. Cando perdes cun gol no último minuto, axiña o esqueces, pero ver a un chaval mancado é moi duro».

Os derbis co Lourenzá tamén ocupan un posto moi alto no seu amplo álbum de recordos: «Tíñamos o equipo de baloncesto xuntos, miña filla xogaba con eles e pola tarde tíñamos aqueles derbis. Eran unha pasada, cun ambiente espectacular e cada afección cantando e defendendo o seu, sempre desde o respecto. Foron moi bonitos». 

Unha derrota por 26-1

Antes de que o Ciudad dese paso ao Mondoñedo FC, tamén subliña un capítulo surrealista que rematou cunha derrota por 26-1 ante o San Román en A Chá: «Foi no ano 98. Estabamos sufrindo unhas decisións arbitrais moi prexudiciais e nun partido co Sacido descontaron un montón, marcáronnos o 0-1 ao final e rematou cunha tángana. Puxéronnos unhas sancións desproporcionadas e, como protesta, no seguinte partido decidimos marcarnos goles en propia porta». Transcorridos 28 anos desde aquilo, o fútbol continúa escribindo historias máis felices na cidade, en parte, grazas ao empeño de José Manuel Barreira García.