José Díaz Jácome, o poeta que convertía a actualidade en verso

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

José Díaz Jácome, con Marina Mayoral, nun acto da feira do libro de Mondoñedo
José Díaz Jácome, con Marina Mayoral, nun acto da feira do libro de Mondoñedo

Hai 25 anos que se creou o premio de poesía que leva o seu nome

07 sep 2024 . Actualizado a las 12:47 h.

Cando, na primavera de 1984, en Mondoñedo volveron celebrarse As Quendas, a comisión, encabezada por Manuel Redruello, decidiu que José Díaz Jácome fose o pregoeiro. A elección semellaba totalmente lóxica: ninguén mellor ca o cronista oficial, familiarizado co traballo coas palabras por periodista e por poeta, para anunciar que a súa cidade recuperaba esas antigas feiras.

José Diaz Jácome (1910-1998) levaba daquela tres anos no cargo de cronista oficial, para o que fora nomeado tras a morte de Álvaro Cunqueiro, pero tamén, e ante todo, moito máis tempo no labor de xornalista e de poeta.

El pensamiento navarro, Faro de Vigo e La Voz de Asturias, que chegou a dirixir, son xornais nos que traballou. Primeiras cantigas do amor, Pombal e Muíño fidel son títulos da traxectoria dun poeta que publicou na xuventude e na madurez; pero entre esas dúas dimensións non houbo ningunha barreira: sen dúbida un privilexio de quen, como escribiu Xosé Francisco Armesto Faginas, sabía transformar as noticias en verso.

O biógrafo de Cunqueiro referíase así ao poema escrito por José Díaz Jácome en 1981, na morte do mindoniense máis ilustre. O texto foi repartido durante o enterro, e ten ademais uns trazos moi vencellados co homenaxeado a título póstumo e con quen rendía ese tributo. O texto imprimiuse na imprenta Sucesores de Mancebo, dirixida primeiro por Jesús López e polo seu fillo Fernando despois: a esa imprenta acudía Cunqueiro para escribir os artigos que mandaba a La Voz de Galicia no autobús da Empresa Ribadeo, e desas máquinas saíu o primeiro libro de poemas de Díaz Jácome.

Pero a imprenta foi tamén, durante moitos anos, oportunidade para comprobarmos que Díaz Jácome elevaba os acontecementos a categoría poética: as tarxetas que polo Nadal enviaba a amigos e a clientes, adoitaban levar un poema de José Díaz Jácome, ilustre representante dunha corrente poética moi mindoniense: décadas antes de que Rosalía de Castro ou Curros volvesen colocar o galego ao nivel de séculos anteriores, autores como Antonio María de Castro e Neira, Luis Corral ou Jacinto Romualdo López empregaban o idioma nas panxoliñas escritas para o Nadal.

Recibir o título de fillo adoptivo ou ter en Mondoñedo unha estatua e unha rúa co seu nome amosan que a cidade natal recoñeceu a súa figura en vida e despois. Pero cómpre lembrarmos tamén que José Díaz Jácome non viviu alleo ao seu lugar de orixe, ao que sempre volveu. Se en publicacións mindonienses comezou a súa carreira, a historia do xornalismo local inclúe publicacións (primeiro «Mondoñedo. As San Lucas», que por iniciativa del e de Ricardo Pedreira se publicaba en Oviedo, e despois «Mondoñedo», xornal da Asociacion Amigos da Cidade de Mondoñedo) das que foi oarte imprescindible e que representaron sen dúbida unha dignísima continuación de cabeceiras coma Justicia, Vallibria ou La Voz de Mondoñedo. As páxinas deste xornal acolleron durante anos unha sección súa, Lembradoiro, no que o Mondoñedo das lembranzas e dos feitos cotiáns quedaban reflectidos.

Por outra banda, outro feito salientable na historia recente de Mondoñedo, a inauguración da estatua de Cunqueiro, volveu ser motivo para que José Díaz Jácome amosase a súa capacidade para converter unha noticia nun poema, que tamén saiu do prelo da imprenta Sucesores de Mancebo.

Neste 2024 cúmprense 25 anos da creación do premio de poesía que leva o seu nome e do descubrimento da súa estatua. O premio, convocado polo Concello, concedeuse primeiro como recoñecemento a unha traxectoria poética (na primeira edición o gañador foi Xosé Luís Méndez Ferrín) e orientouse despois a novos creadores. A escultura de Quique Guerra aumenta o encanto da fonte dos Pelamios. 

Segue presente

Se queda claro, pois, que José Díaz Jácome segue presente en Mondoñedo, hai unha noticia, contada en prosa ou en verso, que algún día debera chegar. Oxalá se saiba que a Real Academia escolleu a José Díaz Jácome como protagonista do Día das Letras Galegas, aínda que para iso se necesita unha actividade que nin o Concello nin ningunha asociacion ten realizado de xeito público ata agora.