Memoria da Mariña organiza un roteiro conmemorativo pola Segunda República este domingo en Mondoñedo
MONDOÑEDO

Coincide co 93 aniversario, comezará na Praza de San Xoán e rematará no Cemiterio Vello.
13 abr 2024 . Actualizado a las 21:40 h.Este domingo, 14 de abril, o colectivo «Memoria da Mariña» organiza en Mondoñedo un acto conmemorativo denominado «Paseo polo Mondoñedo republicano» coincidindo co 93 aniversario da proclamación da Segunda República.
A actividade consiste na realización dun roteiro guiado que comezará ás 12 horas na Praza de San Xoán e que continuará polas rúas Leiras Pulpeiro e José Febrero. Posteriormente pasará pola Fonte Vella, onde se lembrará as figuras de J. Sánchez Gacio, presidente da Deputación de Lugo e gobernador civil da Coruña nos anos da II República.
Tamén se lembrará a obra de Álvaro Cunqueiro e a súa producción xornalística e literaria entre 1930 e 1936 diante da súa casa natal, así como os vencellos dos mozos galeguistas, o músico Manuel Ledo Bermúdez, xunto con outros prohomes da cultura e política mindoniense como A. Iglesia Alvariño, Xosé Díaz Jácome e Bernardino Vidarte.
A seguinte parada terá lugar na praza da catedral para posteriormente desprazarse ao Casino para lembrar o mitín de Castelao de 1933 e da casa natal de Cándido Carreiras. O mesmo roteiro rematará no Cemiterio Vello, a carón das sepulturas do propio Carreiras e de Manuel Leiras Pulpeiro, o médico, poeta e referente dos republicanos mindonienses.
A xornada rematará cun xantar na Casa da Penela, de Vilamor. Quen queira asistir debe facer a reserva previamente nos teléfonos 683 148 757 ou 608 987 474.