A mindoniense María Bouso, entre a elite das investigadoras

MONDOÑEDO

María Bouso
María Bouso CEDIDA

Inmersa na carreira de Ciencias Ambientais, representa -xunto a Xiana Rego- ao Proxecto Rebinxe na web do Goberno Científicas e Innovadoras: "Estudamos a relación dos lobos coas bestas"

02 mar 2023 . Actualizado a las 14:22 h.

María Bouso Posada (Mondoñedo, 2001) ten 21 anos, pero xa sabe o que é estar entre o melloriño da ciencia. A moza mariñá participou en febreiro nunha conferencia internacional, organizada pola embaixada de Nepal, na que falaron investigadoras de referencia a nivel mundial como María Blasco, piar do estudo do cancro e Directora del Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO), ou Mara Dierssen, considerada como unha das maiores especialistas do planeta no tocante ao síndrome de Down. Non é a primera vez que ten un recoñecemento similar: o ano pasado, foi, xunto á súa compañeira Xiana Rego Fernández, incluida no portal Científicas e Innovadoras, portal no que o Ministerio de Ciencia Educación resume o traballo das estudosas máis sobranceiras dos últimos dez anos. Detrás desta proxección, matiza, está un esforzo grupal, o do multipremiado Proxecto Rebinxe.

«É o froito dun proxecto colectivo. Se Xiana e máis eu estamos nesa plataforma é en representación dun traballo de máis xente», expón Bouso, que con todo admite que estar nese selecto grupo «dá moita proxección e visibilidade, e de aí que a embaixada de Nepal quixera contar comigo. Participaron canda min catro das mellores científicas de todo o panorama español», indica.

Na conferencia, Bouso explicou o seu punto de partida como investigadora, que se corresponde co Proxecto Rebinxe. O programa naceu ao abeiro do IES San Rosendo de Mondoñedo e da man do docente Óscar Chao. O plan de investigación, co obxectivo de exercer un papel mediador entre a veciñanza e a fauna salvaxe, centrouse nos últimos anos na convivencia máis polémica. Xa constituido como asociación, o grupo estuda ao lobo, coprotagonista dunha ferida aberta entre a especie e a gandería.

Grupo do Proxecto Rebinxe
Grupo do Proxecto Rebinxe

«Comezamos estudando a relación do lobo coas bestas. Pero a idea non era só analizar a evolución de ambas poboacións, senón implicar á xente na conservación das especies. Tentar limar asperezas, chegar a acordos cos sectores máis conservacionistas, entender que demandas dos gandeiros deben ser prioritarias para a Administración...», explica. «O lobo é moi importante. Sempre estivo no Xistral e temos que convivir con el, porque se desaparece rachamos a cadea trófica e sería un desastre. Seguramente, por exemplo, teriamos unha sobreexplotación do xabarín», sinala.

Por mor dos premios gañados por Rebinxe, Bouso desfrutou dunha semana na estación biolóxica do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), en Doñana. «Alí estudamos o lince. Fixemos análise de ADN a partir de excrementos, algo que nos gustaría aplicar co lobo nun futuro en Rebinxe, onde traballamos principalmente con fototrampeo, pero depende de financiamento», argumenta. Tamén fixo outra estadía no Joint Research Centre de Ispra, en Italia.

Afondando no que comezou con Rebinxe, Bouso estuda Ciencias Ambientais na Universidade de Vigo, na sé de Ourense, e prevé cursar un mestrado en Bioloxía e Conservación da Biodiversidade. Mentres remata o seu traballo de fin de grao, que «analiza a cantidade de mercurio que hai por deposición en distintas zonas de Galicia. Teño parcelas na Cañiza ou en Ribadeo», sinala. Seguro que o fará co rigor dunha investigadora de recoñecida excelencia.