Amodo coa catedral de Mondoñedo

Víctor F. Freixanes
Victor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

MONDOÑEDO

Eliseo Trigo | EFE

20 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai aposta de progreso sen riscos. Sabémolo ben. Cada avance tecnolóxico ou científico presenta desafíos e problemas, algúns previsibles e outros non, que inevitablemente debemos considerar. Para aliviar tales riscos está a política de prevencións, que esixe atención, planificación e investimentos (recursos). Canto custou o tramo da autovía A-6 na Pedrafita, máis concretamente o viaduto de O Castro que se derrubou o pasado mes de xuño, afortunadamente sen vítimas? Segundo estudos que publicou este mesmo xornal cada quilómetro acadou 11,3 millóns de euros de hai 21 anos. Seica foi o máis caro e complexo da rede viaria do Estado. Quen non lembra as horas de viaxe para acceder a Galicia aínda non hai tanto tempo? A miña xeración ten boa memoria diso. Os accesos a Galicia, historicamente arredada do mundo por vía terrestre (estradas e ferrocarril, non así por vía marítima, hai que dicilo), foron unha reivindicación de sempre, síntoma de atraso e en parte razón do mesmo, cuestión na que, aínda que con retraso, de tres décadas para acá se deron pasos importantes, por máis que segue habendo materias pendentes (o trazado ferroviario, por exemplo).

Dito o anterior, a noticia destes días é o informe que se nos ofrece sobre as causas do derrubamento do viaduto: canseira de materiais, insuficiente impermeabilización dos taboleiros de tránsito, filtracións… Opino como cidadán. Non son especialista. Mais pregunto: vinte ou vintecinco anos despois da inauguración das obras, logo de semellante investimento, non hai responsabilidades (nin responsables)? Onde van as contas? Que política de mantemento teñen as obras públicas (ou de uso público) que paga a cidadanía con impostos? A traxedia ferroviaria en Angrois, por exemplo, non merece unha reflexión (e responsabilidades) sobre os sistemas de seguridade? Non por moito correr (ou aforrar) chegamos antes. Que recursos destinan as administracións (ou esixen das empresas concesionarias) para estas cuestións? Desacouga pensar que todo queda na fotografía do día da inauguración.

Serve a reflexión para moitas cousas. Vivimos do espectáculo do momento, unha fogarada nos telexornais que as máis das veces queda en palabras, e nada queremos saber despois dos compromisos adquiridos. As vellas pontes medievais seguen aturando tránsito pesado. Ben sei que non é cousa de facer comparacións. Son outros tempos. Mais como dixen máis arriba, non por moito correr chegamos antes. E sobre todo, non parece de recibo despachar asuntos de tanta transcendencia con explicacións que non comprometen a ninguén e morren na páxina do xornal, cando non queda todo nun intercambio de raquetazos, ata que o público se aburre, ou distrae noutras novidades. Coido que xa o dixen nalgunha outra destas mareas: cada vez que voamos sobre a autovía que nos leva a Ribadeo rezamos para que un mal tranzo non nos estampe contra a sancristía da catedral de Mondoñedo.