A espontaneidade do éxito

MONDOÑEDO

Fernando Bizerra

11 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que vimos de pechar as Olimpíadas con éxito para os deportistas galegos, cómpre felicitalos e tamén erguer a pregunta de por que esa concentración de medallas nalgúns deportes coma o remo. Ás veces, nunha visión simplista, queremos botar a culpa a certos misterios do azar para que estes feitos se produzan. E coido que non é así, non só no deporte senón noutras facetas da vida. Sería moi doado, por exemplo, dicir que a maxia está asentada nalgúns territorios onde os seus habitantes teñen azos e habelencia para a escrita, a música ou o deporte. Así, lugares aparentemente pequenos como Padrón, Mondoñedo ou Celanova son quen de fecundaren almas sensibles que cantan á terra e á paisaxe nos seus versos. O caso de Rianxo é un fito importantísimo, porque esta fermosa vila mariñeira é berce de grandes escritores que sementaron o herdo dunha xenética que aínda hoxe segue a dar os seus froitos. Mesmo se podería dicir que nesta vila hai literatura para todo un país. Pero non nos enganemos. Todo isto non xorde de xeito espontáneo senón por unha tradición que se vai configurando no tempo. Se miramos para o interior das nosas vilas quizais talvez poidamos entender que ese azar está condicionado por certa planificación e estruturas nas que non reparamos. Non digo que non haxa xenios espontáneos, que os hai, pero case sempre precisan de instalacións e profesionais que os acompañen. Se temos bos gaiteiros en Xinzo é porque hai unha escola de gaitas dirixida por alguén que domina o instrumento e o oficio; se en Boiro triunfa o voleibol e o remo é porque hai profesionais detrás que alentan día a día para que os futuros medallistas suquen as nosas rías cos seus soños, que tamén son os nosos.