Mondoñedo mantén viva a figura de Cunqueiro 40 anos despois de morto

La Voz MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

Rexina Rodríguez, Cunqueiriana de Honra, depositando as flores na tumba de Álvaro Cunqueiro, con autoridades e outros asistentes ao acto
Rexina Rodríguez, Cunqueiriana de Honra, depositando as flores na tumba de Álvaro Cunqueiro, con autoridades e outros asistentes ao acto xaime ramallal

Persoeiros da cultura e autoridades homenaxearon ao literato universal

01 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Van alá corenta anos do pasamento do mindoniense máis universal, Álvaro Cunqueiro, pero a súa figura e a súa obra siguen tan vivas como sempre por actos como os celebrados este domingo no seu Mondoñedo natal. Unha longa lista de persoeiros da cultura e autoridades asistiron a sentida homenaxe ao incomparable escritor, actos nos que foi nomeada Cunqueiriana de Honra a profesora da Universidade de Vigo Rexina Rodríguez Vega.

Comezaron pouco despois das once da mañá, cunha ofrenda floral na tumba de Cunqueiro, no Cemiterio Vello. Proseguiron no auditorio mindoniense co nomeamento de Rexina Rodríguez, quen tomou a palabra nun acto no que tamén falaron Armando Requeixo, coordinador da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, e o concelleiro de Cultura de Mondoñedo. Á maratón de lectura da obra de Cunqueiro El año del cometa seguíulle a presentación do libro Arqueoloxía cunqueiriana, de Abel Vigo. Ademais de el, estaba previsto que falaran César Cunqueiro, fillo do escritor, Requeixo e o profesor da Universidad Rey Juan Carlos Felipe Debasa.

Tamén asistiron autoridades municipais, encabezadas polo alcalde Manuel Ángel Otero, provinciais e autonómicas.