«Se hai un deus, o meu é Cunqueiro»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

SIMÓN BALVÍS

O 28, nos 40 anos da morte do escritor, a ensaísta viguesa e especialista na obra do escritor Rexina Vega recibirá o título «Cunqueiriana de Honra»

02 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na Galipedia xa figura, no apartado de «premios», sumado ao Carvalho Calero, o Xerais e o Stendhal, que Rexina Vega é Cunqueiriana de Honra 2021. A ensaísta viguesa, profesora na Universidade de Vigo e especialista en Cunqueiro (30 anos estudando a súa obra e publicando libros) ten méritos dabondo para merecer tal título. Aínda que sería o vindeiro 28 deste mes, se o covid o permitise, cando o reciba en persoa na cidade natal do gran, eterno, universal e noso en maiúsculas escritor. Devece por volver a Mondoñedo, «pero acabará sendo por ordenador», lamenta, aludindo ao virus.

—Debe estar moi contenta!

—Si, moi contenta... Teño 54 anos e empecei, cando rematei a carreira, a investigar. O traballo final dos meus cursos de doutoramento xa fora de Cunqueiro.

—Tanto tempo estudando a Cunqueiro... Non é fácil preguntarlle a que conclusión chega...

—Que Cunqueiro non decepciona nunca. É un autor tan redondo, de tantísima calidade que cada vez que revisitas a súa obra ficas sorprendida. Ademais aínda hai moito Cunqueiro por descubrir, pequenos opúsculos, artigos esquecidos, traducións de autores inventados… Aínda estamos fixando o corpus deste enorme escritor.

«Creo que 'El año del cometa' é o gran libro de Cunqueiro, como a súa última poesía é a que máis me di. Aí estaba nun momento de potencia máxima»

—Teño unha inquedanza... Como vería ao Cunqueiro do 2021?

—Non sei se hoxe en día a Cunqueiro se lle concedería o valor que acadou. Agora lese mellor a Cunqueiro, sen dúbida, pero Cunqueiro está ligado a un mundo que desaparece. De feito, Cunqueiro non se pode entender sen Mondoñedo, sen a tradición oral, sen un mundo arcaico que desaparece e tampouco se pode entender sen a posmodernidade. Realmente, Cunqueiro o que fai é destruir os modos de representación, por iso é un autor moi complexo e de moi difícil divulgación no ensino. A imaxe que queda culturalmente é a imaxe máis simplificada, menos interesante de Cunqueiro diría eu, a imaxe do celtismo do Merlín, das semblanzas de tipos populares de Lugo... Dalgún xeito, é unha lectura máis en clave antropolóxica, máis tribal, máis étnica. Realmente Cunqueiro é puro artificio, alguén que reflexiona sobre os procesos de representación e que busca rompelos todos. De feito, diría que ao que máis se achega a Cunqueiro agora mesmo é aos manga. Manda truco! Ao mellor, Cunqueiro, hoxe en día, facía manga porque dende o punto de vista narrativo tamén teñen moita complexidade, saltos da historia, diferentes niveis da voz narrativa... Cunqueiro é da estirpe de Borges ou de Italo Calvino, autores moi intelectuais dunha enorme experimentación formal. A tradición española ou galega non destaca nesa vía, de feito, de entre os seus coetáneos a Cunqueiro apenas se se lle pode emparentar co seu amigo catalán Joan Perucho.

—Se o tivese diante, que lle diría a Cunqueiro, empezando por ola!?

—Por Cunqueiro teño unha fascinación absoluta, pero non son mitómana. Alén diso a propia posición política de Cunqueiro, a ben seguro levaríame a un desencontro. Eu, realmente, reivindico a total independencia entre obra e autoría. A Cunqueiro pesáronlle moito na Transición os vetos ideolóxicos, algo que aínda perdura en certa medida, lembra que a propia Manuela Carmena pensou en eliminar o seu nome dunha rúa de Madrid non hai moito. Creo que iso é un erro. Hai que reivindicar a autonomía absoluta da literatura. Ningún aspecto ideolóxico debe interferir na apreciación da calidade da escrita.

«Cunqueiro non decepciona nunca. É un autor tan redondo, de tantísima calidade que cada vez que revisitas a súa obra ficas sorprendida»

—O vindeiro 28 de febreiro cumpriránse os 40 anos do falecemento de Cunqueiro en Vigo, pero tamén este ano o 22 de decembro serán os 110 do seu nacemento en Mondoñedo.

—Mágoa que Cunqueiro morrese relativamente novo. A min interésame especialmente a poesía do último Cunqueiro, a súa última obra narrativa, El año del cometa, que  non é tan coñecida en gran parte porque está en castelán e Cunqueiro está moi escurecido na historia literaria por ser un escritor binacional. Creo que El año del cometa é a gran novela de Cunqueiro, como a súa última poesía é, para min, a que máis me di. Aí estaba nun momento de potencia máxima. Para min, o mellor Cunqueiro é o último. As últimas etapas dos grandes creadores raramente son repetitivas; seguen arando no mesmo suco pero acadan unha liberdade brutal.

—O título de «Cunqueiriana de Honra» xa non llo vai quitar ninguén, Rexina.

—É unha satisfacción. Para min, se hai un deus, e iso que che son profundamente atea, sen dúbida é Cunqueiro.