A escritora Rexina Vega, nomeada cunqueiriana de honra neste 2021

s. c. MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

XAIME RAMALLAL

Recibirá a distinción o vindeiro día 28 no 40 cabodano do escritor

01 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora, profesora da Universidade de Vigo e estudosa especialista na obra de Álvaro Cunqueiro, Rexina Vega, foi designada Cunqueiriana de Honra neste 2021. Así o decidiu a comisión designada a tal efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, entidades promotoras da distinción.

Rexina Vega é autora de numerosos estudos e artigos a prol da obra do gran autor mindoniense. A distinción que a acredita como Cunqueiriana de Honra entregaráselle a Rexina Vega en Mondoñedo o próximo 28 de febreiro de 2021, data do 40 aniversario do falecemento de Álvaro Cunqueiro. Está previsto que en tal xornada a distinguida encabece, acompañada de diversas autoridades locais e provinciais, a tradicional ofrenda floral ante a tumba do autor e que abra o maratón de lectura da súa obra.

Trala recepción da distinción (que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo), Rexina Vega pronunciará unhas palabras de agradecemento, que irán

precedidas da laudatio coa que a presentará, en nome da comisión, Armando Requeixo, coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro.

Formaron parte desta comisión encargada de nomear ao Cunqueiriano ou Cunqueiriá de Honra César Cunqueiro (fillo do escritor, que asistiu vía telefónica); Alberto García (concelleiro de Cultura de Mondoñedo); Víctor F. Freixanes (Cunqueiriano de Honra na convocatoria do pasado ano e presidente da Real Academia Galega); Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo); Miguel Somovilla (periodista e estudoso da obra de Cunqueiro); Abel Vigo (técnico de Cultura do Concello de Mondoñedo) e Armando Requeixo (coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro).

Ademais de estudosa da obra de Álvaro Cunqueiro, Rexina Vega é escritora; vén de publicar na editorial Galaxia van apenas uns meses unha novela, «O estado intermedio». Anos atrás gañou o Premio Xerais coa novela, «Cardume». Mondoñedo e a Casa Museo queren manter así viva a memoria do escritor.

Máis de 30 anos dedicada ao estudo e divulgación da obra de Álvaro Cunqueiro

 Entre os sobresaíntes méritos intelectuais que Rexina Vega atesoura como estudosa e investigadora da obra de Álvaro Cunqueiro, a comisión quixo destacar o gran número de publicacións que desde fai 30 anos a ensaísta viguesa deu a coñecer en torno á vida e obra do autor mindoniense. Así, referiu títulos coma a súa guía de lectura sobre Os outros feirantes (1992), a monografía Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación (1997), o volume de ensaios Álvaro Cunqueiro e as amizades catalanas (2003) ou o libro audiofotobiográfico Álvaro Cunqueiro. Fotobiografía sonora (2009). Tamén puxo en valor a súa tese de doutorado, defendida na Universidad Autónoma de Barcelona e centrada no Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro (2000).

Ademais destes volumes e teses, a comisión destacou os moitos artigos publicados por Rexina Vega sobre o mundo cunqueiriano nas máis prestixiosas revistas galegas, estatais e internacionais, así coma as numerosas conferencias, entrevistas e colaboracións sobre Álvaro Cunqueiro que levou a cabo ao longo de tres décadas de investigación arredor da obra do autor mindoniense.