Sete cidades galegas, só?


Quen dixo que Vilagarcía non? Quen dixo que as antigas capitais de provincia, Betanzos, Mondoñedo e Tui, deixaran de selo? Quen dixo que Ribeira, con título concedido hai un século, non é unha cidade? A dimensión de cidade non depende só da poboación, senón do tempo e do territorio e máis aínda da súa relación co mundo. Hai pueblos populosos na Península e en Europa que nunca foron cidade. Convencidos de que non temos cidades -máis que para rifaren entre elas-, en Galicia descoñecemos a cidade difusa que participaron os nosos emigrantes polo mundo dende hai cento cincuenta anos, cando había fidalgos que non saían dos Pazos de Ulloa mentres, como demostra un recente libro de Bieito Alonso, os nosos mariñeiros montaban sindicatos en Boston e Filadelfia e outros saídos de aldeas do interior facían o propio en Montevideo.

Tamén optamos por descoñecer a trama de grandes vilas que articulan o territorio dende despois da romanización, como se foran igual que calquera outro concello. Descoñecendo as xerarquías vilegas históricas que calquera paisano do país pode referenciar sen pasar por ningún curso de formación de ordenadores do territorio. A lóxica urbana galega descoñeceuse dende fóra primeiro e desde dentro despois nos últimos dous séculos. Mais parecida á do Noroeste de Europa e os Países Baixos que a Castela ou o Levante, seguiu descoñecida para artellar sistemas de comunicación que resultaron decisivos, primeiro o ferrocarril construído en lóxica radial ministerial. Resistiu ben en troques o paso da carrilana e a dilixencia ao ómnibus e coche de liña de motor de explosión, do que de feito Galicia foi pioneira en Europa, tanto en extensión de liñas como en uso e organización de compañías de autobuses, dende hai máis de cen anos. A ditadura aferrollou a lóxica estatal radial co plano de accesos dende unha cultura colonial en nome, concepción e trazado, de facer caso dos estudos postcoloniais.

O AVE consolida esa lóxica que nos recolle en cidades grandes que porén pequenas mentres se seguen a destruír xerarquías urbanas de trama máis complexa. Ben visibles no Benelux, pero tamén no sul da Gallaecia, ousexa no Norte de Portugal, onde abundan as cidades medias que alimentan unha grande e indiscutible con nome de porto. As nosas grandes indiscutibles serían dúas costeiras e dúas interiores, en correspondencia coas que aos veciños do sul corresponden na Gallaecia que lles quedou. Entender e aproveitar a Roma segue sendo materia pendente. Mellor a trama territorial urbana e de camiños que deixou aquel imperio, consolidado por dous mil anos, que a centralidade espacial xerarquizada que trouxo o neoimperio dos Borbóns hai só trescentos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos
Comentarios

Sete cidades galegas, só?