«Falta máis profesionalización na produción da verdina na Mariña»

Yolanda García Ramos
yolanda garcia MONDOÑEDO/LA VOZ

MONDOÑEDO

A asociación (imaxe de arquivo das instalacións) naceu fai ano e medio
A asociación (imaxe de arquivo das instalacións) naceu fai ano e medio PEPA LOSADA

A exquisita faba protagoniza as súas segundas xornadas en Mondoñedo coorganizadas pola Asociación de Productores Verdina de Galicia e Concello

20 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha leguminosa especial, que medra feliz en terras mariñás, tendo as máis fértiles para o seu cultivo sobre todo en Mondoñedo, Lourenzá, Trabada ou Valadouro. Tanto para os que son fans dela como para os que non a coñezan, a Verdina de Galicia chega en versión hostaleira este fin de semana á comarca, pois a Asociación de Productores Verdina de Galicia celebra as súas II Xornadas en 11 establecementos (Bar Amencer, A Bodeguiña, Bar Castro, Bodegón da Catedral, A Cova, Restaurante Padornelo, O Petisco, O Porriño, O Rincón, Viñoteca Segundo-Centro Social e A Tasca). Dende o venres ao domingo. Ademais desta iniciativa colectiva e máis pública, a verdina significou unha segunda vida laboral para Alfonso Cartoy, portavoz da citada asociación, despois de máis dunha década traballando en Ecar. El é unha proba de que un pode «cambiar o chip», reciclarse e mirar cara as posibilidades do rural, pois é un cultivo con «moitísimo potencial».

—Este ano, e na situación do covid, hai xornadas gastronómicas.

—O ano pasado foi o lanzamento. Este decidimos facelas máis discretas, para que a xente vexa que non estamos parados. Seguimos traballando e intentando posicionarnos no mercado, sobre todo por aquí, onde se coñece pouco.

—E ao tempo, coa crise tan brutal que está a pasar o sector, servirá de apoio e ánimo á hostalería. Supoño que sendo tan «descoñecida» a nivel doméstico, bares e restaurantes serán unha boa porta de entrada para coñecela.

—Si, unha das nosas portas de entrada é ir ao bar. O noso obxectivo é que vaia, sobre todo, xente que non a probou (o ano pasado participaron 14 establecementos; este 11) e que vexan que hai moitas formas de facelas.

—Como se pode innovar dende a cociña da casa ou do restaurante?

—È unha faba moi versátil, tanto coma calquera das outras. A súa fama comezou con ameixas, pero adáptase a moitos pratos. Ten de peculiar que absorbe os sabores do que lle botes ao lado, a substancia do peixe ou incluso con carnes potentes, como a caza, cólle forza o prato. Ten moita gama. Empezouse a coñecer asociada a mariscos e salpicón, pero cada vez gaña máis terreo con calquer tipo de carne. Para iso a asociamos ao bar, para que a proben alí e logo experimente cada un a súa forma de facela.

—Como vai a produción este ano?

—Foi unha produción na liña dos anos anteriores, boa. Creo que nas producións custa cada vez máis conseguir cantidade, porque as condicións son cambiantes. Este ano apostamos por manter a calidade, que é moi boa. Non rompe nada a faba, necesita quizás máis tempo de cocción que a branca, pero segue mantendo as características que tivo sempre.

—O peche de bares ou restaurantes, como está a influír na distribución e venta da verdina?

—Estamos intentando tirar máis pola tenda de barrio, chegar máis lonxe ainda que é complicado nestes momentos.... Intentar que se consuma máis nas casas poñéndoa máis visible en tendas. O ano pasado crecimos moito. Este ano a situación é a que é. É unha faba que tamén se consume máis en determinados sitios, como Asturias, e máis no verán. Temos depositada a esperanza de ir sacándoa adiante desa maneira.

—Rematou a colleita este ano?

—Practicamente está toda a faba recollida. Verdina de Galicia é unha marca de garantía colectiva, que nos da a garantía de que a producimos aquí, coas calidades e estándares de aquí, que é produto galego e dunha calidade importante. Verdina de Galicia é un produto propio da Mariña, pero a verdina tamén a teñen os asturianos e se fai verdina noutros lugares (...) Nós queremos por en valor o noso produto. En Lourenzá, Mondoñedo, Trabada e O Valadouro xa fai un tempo que algunha verdina se vai producindo. E non ten nada que envexar á de Asturias...

—Cantos son na asociación?

—Tres membros fundadores. Déronnos a marca hai uns meses. Facemos un chamamento aos demáis produtores da zona. Estamos intentando animalos para que se unan a nós. Canta máis cantidade, máis fortes somos (...) Vemos que falta máis profesionalizacion na produción de verdina da Mariña. Necesitamos facer as cousas ben.

Dende a asociación, Cartoy tamén suliña o gran apoio recibido dende o Concello de Mondoñedo: «Apostaron por nós. Cando encontras xente que aposta por ti, dáche ánimo a continuar, e non é só apoio económico. Encontramos un apoio que nos axudou a chegar ata aquí».