Xan Carballal, pregoeiro: «As San Lucas é patrimonio de todos»

y. garcia MONDOÑEDO/LA VOZ

MONDOÑEDO

PEPA LOSADA

Á fronte da escola musical mindoniense, este venres pregoa unha cita de case 900 anos

16 oct 2020 . Actualizado a las 22:26 h.

Xan Carballal (director da Escola Municipal de Música O Pallarego e Premio Crítica de Galicia no 2019 no Eido Musical) ten nas súas mans un papel destacado dentro de As San Lucas, nesta edición tan singular, cunha «rareza» marcada pola pandemia pero na que non pensa tanto o pregoeiro deste 2020, confesa. «Son festas, e punto. Se cadra, ainda temos que poñer máis da nosa parte para que sexan o máis normais posibles, tendo en conta as circunstancias. Por outro lado, non hai que desmoralizarse. As festas hai que tratalas con ánimo festivo, cumprindo sempre o protocolo», suxire.

—Levalas máis dentro, se cabe.

—Si, sentir que estamos nas festas é fundamental nas San Lucas... Pero non teñen porque ser nin mellores nin peores.

—Son unhas grandes supervivintes, que viron incluso a peste negra, a gripe española, guerras, agora outra pandemia, do covid...

—Seguramente acordaron tempos bastante peores que os de hoxe, pero esta é a realidade que nos toca vivir. Non a quixeramos fai un ano, igual que hai un ano non pensabamos que iamos ter esta realidade. Isto tamén nos serve para tomar conciencia, en plena revolución tecnolóxica, do fráxiles que seguimos a ser. E tennos que levar á reflexión sobre a sociedade actual, onde queremos que vaia e camiñe, con valores como a fraternidade e a solidariedade para facer o noso selo para un futuro... Entre todos, temos que axudarnos, facer unión.

—Pregoar unhas festas con case 900 anos xa é algo premium!

—Que se pode dicir dunha festa que ten case 900 anos nun pregón? Propóñente para ser pregoeiro, miras a tradición e asusta, proque tes unha sensación como de vértigo... Pero bueno, hai que afrontalo con ilusión. Gustaríame pasar un rato agradable e ameno e compartir entre os ouvintes e máis eu eses momentos máxicos que ten o vivir en Mondoñedo e que que disfrutemos deles.

—Que lembranzas particulares ten vostede de As San Lucas?

—Teño un recordo da nenez. Nacín en Lugo pero vivo en Mondoñedo. Unha das cousas que máis resaltaría da miña chegada a Mondoñedo, dos primeiros tempos, que me lembraba cando nas festas de San Froilán había as feiras de cabalos, que é algo que me entusiasma, coma a meu pai. El díxome que iamos ver unha cidade preciosa e que As San Lucas era moi peculiar. Vaite levar a outro mundo xa pasado que te fai sentir feliz e volver a recordar a terra, o que somos e de onde vimos. Respectando todas as festas, unha en cada pobo e todas entrañables, estas son distintas. As San Lucas hai que vivilas. Sei que algúns xa saben que son, seguramente moitos mellor ca min. Pero para aqueles poucos que ainda non foron a elas, convídoos a disfrutar a facer unha viaxe no tempo, como fixen eu naqueles primeiros anos, cando meu pai me levaba de neno comer o pulpo...

—Xa que ten a posibilidade tamén a través da docencia musical de contactar cos máis novos, como cre que viven As San Lucas, no seu mundo máis ‘modernizado'?

—Teñen medios novos pero o esencial de As San Lucas está inmutable, non cambiou moito con respecto a cando eu cheguei a Mondoñedo. A esencia de As San Lucas non se perdeu. A veces incluso, deixo voar a miña imaxinación polas rúas... e vexo un home do século XII ou XIII que pasaría por esa rúa. Esa esencia segue. Ademais, As San Lucas é patrimonio de todos!

A axenda dos días 16, 17 e avance do 18

  • VENRES 16: 13.00, catedral: Disparo de bombas de palenque e volteo das campás maiores anunciando as festas; 20.00, xardíns de Cunqueiro: Recepción de autoridades, pregoeiro e sanluqueiros e lectura do manifesto ao Mariscal Pardo de Cela a cargo de Xulia Nogueira, soa «Himno do Antigo Reino de Galicia» con O Arco da Vella e é a ofrenda floral na tumba do mariscal na catedral; 20.30, auditorio: Pregón a cargo de Xan Carballal, director da Escola de Música O Pallarego (XLII Premio a Crítica de Galicia no 2019) e actuación de dita escola
  • SÁBADO 17 (avance): 11.00, recinto A Granxa: IX Concurso Cabalos Trotóns; 17.00, rúas mindonienses: Encontro Folclórico; 20.15, 22.00 e 23.00 horas, fachada da Praza da Catedral; Proxección videomapping «As San Lucas na historia»; 20.30, Praza da Catedral: «As San Lucas no Camiño» con Xosé Lois Romero & Aliboria; 22.00, Alameda: Voces da Paula
  • DOMINGO 18 (avance): 12.00, recinto A Granxa: Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Galega. Gran Final da Copa Galicia; 12.45, Cemiterio Vello: Homenaxe a Pascual Veiga; 14.15 e 20.00, Alameda: Música: Premium Live Music; 16.30, recinto A Granxa: Concurso de Andadura Galega (libre), serrada e chapeada; 19.00, auditorio: Antonio Reigosa presenta «Contrahistorias de Galicia»; 21.00: Fogos artificiais

*Nota importante: Todos os actos serán con aforo limitado e cumprindo as normativas sanitarias vixentes. Para as citas que se celebrarán no auditorio hai que recoller invitacións na Oficina de Turismo; para as da Praza da Catedral, tamén na Oficina de Turismo ou na web www.assanlucas.es.