Este domingo, 18 de outubro, día grande das San Lucas, presentaremos en Mondoñedo na compaña do mestre, escritor e animador cultural, Fran Bouso, e do editor responsable de Embora, Miguel Toval, un libro que se titula «Contrahistorias de Galicia». O acto, no auditorio Pascual Veiga, organizado pola Asociación As San Lucas, con entrada libre e aforo limitado, conta con todas as medidas de prevención recomendadas.

Reúnense aquí trinta contra-historias curiosas, descritas en textos breves, iluminados cun marabilloso traballo de ilustración da autoría de Rita Gutiérrez. Unha visión da historia desde ángulos dispares, a través de personaxes, algúns principais, a maioría secundarios ou marxinais, moitos forzados a exercer de buscavidas e outros que resultaron ser vítimas da represión relixiosa ou política e que en xeral protagonizan sucesos inopinados.

Entre estas contrahistorias hai algunhas que contan da Mariña como o controvertido achado do gran torque de Burela de case dous quilos de peso, a crónica do xastre francés, peregrino a Compostela, Guillaume Manier, que de regreso se admirou das cebolas e loureiros xigantes que atopou en Mondoñedo, e que cruzou a ría de Ribadeo nunha lancha que el denominou —pola ímpetu do temporal— «pont qui tremble».

Tamén se trata da emotiva memoria dos convulsos amores entre Pascual Veiga —causa da súa marcha de Mondoñedo— e Eustorgia Acebo que representan, amais dunha inxerencia nas liberdades individuais, un exemplo da influencia negativa das ideoloxías dominantes nas vidas privadas.

Outro caso que se comenta neste libro é o da dobre execución, morte violenta e condena social, da moza de vinte anos, Antonia Díaz Pérez, que acompañaba ao Gardarríos na emboscada que lles tenderon en Vilanova de Lourenzá aquel tráxico 25 de xuño de 1948.

O catálogo de sucesos, personaxes e situacións que aquí se ofrecen é amplo, a pesar de ser só un breve mostrario. Inventores, artistas, bufóns, aventureiros... A casualidade, a creatividade, a natureza, a supervivencia, a ousadía, a fantasía, a inventiva, a necesidade, en definitiva, e todas cantas ilusións e represións queiramos imaxinar gobernaron sempre as nosas vidas.

Aquí só poñemos en escena uns exemplos que nos levan pola historia desde o Medulio ata a biografía de Manolo Montero, único personaxe vivo dos aquí retratados. A máxica determinación dun home que decide por vontade propia transformarse nun personaxe de ficción, o Merlín de Cunqueiro. Un caso singular, raro e ousado, o de quen decide e logra, sen preocuparse do que dirán, independizarse da realidade e habitar en liberdade un territorio imaxinario.

Vivimos tempos de incertezas, de contrahistorias que esixen reparar na cara B para saber que nos pasa, aínda que os que okupen a cara A se empeñen, como fixeron sempre, en ignorarnos.

Se este libro se rematase agora mesmo tería que incluír entre os seus capítulos un dedicado á pandemia que nos esmaga e outro, ou varios, á inhumanidade do capitalismo salvaxe que prefire cebar un indecente xeque que dar de comer a milleiros de cidadáns honrados.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Contrahistorias da Mariña