Virus e paisaxes


Percorrín este verán terras da Coruña, da Mariña luguesa, do severo Cordal de Neda, dos fermosos concellos onde o río Miño bota a andar, do Mondoñedo medieval, levítico, literariamente recreado e remozado por Cunqueiro, do Ribadeo histórico coa súa ollada señorial descansando sobre a ría que o xungue á costa asturiana. Paisaxes de distinta condición pero que nos falan do mesmo, isto é, da nosa terra galega, cunha Historia pasada que medra agora en forma dun presente mediatizado por unha pandemia que aínda non cesou. Á vista, paisaxes verdegantes e cheas de vigor condicionadas por unha peste vírica que aniña sobre todo nos espazos urbanos. Un medo de algo invisible que nos rodea e afoga ou esgana.

Fermosas viaxes (en coche ou a pé) permitían ollar uns arredores intemporais -sólidos nas cidades, verdegais nos campos-, todos recheos de vida. Ás veces tiña que parar para sentir a enorme vitalidade da contorna. ¿E o virus? Unha ameaza que aínda está por aí, arredor de nós, e que nos limita, porque representa un enorme risco, pero que esquecemos en plena natureza, ollando o pico dun monte ou o fondo dun val, que figuran libres de todo mal.

Deixounos dito o grande poeta Pablo Neruda que «se non sobes a montaña, endexamais poderás gozar da paisaxe». E disto vai a cousa. Seguimos condenados a convivir co virus, nun pesadelo do que non acabamos de espertar. A historia das letras está chea de episodios desta índole, desde as recollidas nas Sagradas Escrituras, ata as detalladas por xenios coma Tucídices, Boccaccio ou o singular Samuel Pepys, grande anotador. Unha serie moi longa de testemuñas que nos permiten recoñecer a dor que enche o noso pasado, coas súas pandemias víricas ou bélicas e outras brutalidades que enchen as páxinas da nosa historia e da nosa literatura ¡e tamén a da nosa pintura!

Nisto pensaba eu hai uns días cando percorría os espazos dos que comecei falando aquí. Precédenos unha memoria de terrores cando loitamos por desfacernos do mal vírico, coma se se estivese a cumprir unha célebre e irónica maldición china: «Ogallá vivas tempos interesantes!...». Esperemos que pasen axiña.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Virus e paisaxes