Mondoñedo licita a redacción do Peprich por 254.364 euros

La Voz MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

PEPA LOSADA

O plan poderá estar aprobado definitivamente no prazo de 34 meses

27 ago 2020 . Actualizado a las 15:43 h.

Un ordenamento urbanístico actualizado «é peza básica para o desenvolvemento sostible e harmónico das cidades, especialmente nos cascos históricos nos que hai valores urbanísticos e patrimoniais que protexer e potenciar». Con este convencemento, o Concello de Mondoñedo saca a licitación o contrato de servizos para a redacción do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Histórico (Peprich), que conta cun presuposto de licitación de 254.364,67 euros.

O Peprich poderá estar aprobado definitivamente no prazo de 34 meses contados a partir da formalización do contrato. Segundo se recolle no prego de condicións, e de acordo co establecido na Lei do Solo de Galicia, o proxecto de plan especial terá que ser realizado por un equipo multidisciplinar, formado por un mínimo de tres especialistas con titulación universitaria de segundo ou terceiro ciclo; deles, polo menos un ten que ser arquitecto e outro enxeñeiro de camiños, canais e portos, ou estar en posesión do grao en arquitectura ou enxeñería de camiños. O financiamento do proxecto correrá integramente a cargo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta.