Fabas de Lourenzá con ameixas e torta de Mondoñedo, parte do menú de «Come a comarca»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

MONDOÑEDO

O programa mostra a gastronomía típica da Mariña

21 jul 2020 . Actualizado a las 13:44 h.

O equipo de Come a comarca chega neste undécimo programa con forza despois de vencer no Barbanza (e de facer un exquisito arroz con chocos), á Mariña lucense (22.00 horas TVG). Os cinco cociñeiros afeccionados coñecerán nesta nova entrega os segredos da súa gastronomía e aprenderán a facer o menú máis tradicional da comarca, composto por: fabas de Lourenzá con ameixas, pescada con salsa de ourizo e torta de Mondoñedo.

Bruno Pena, cociñeiro do Hotel Oca Playa de Foz, exercerá de guía para Iván, o Alcalde, Ofelia, Celia e María José na súa parada nesta comarca. Un dos produtos más interesantes que coñecerán son as fabas, da man de Pepe Cuadrado, presidente da cooperativa Terras da Mariña, que lles irá amosando os numerosos tipos desta legume que alí venden. Despois visitarán a casa de Maruja, de Fabas Maruxa, que lles ensinará a súa riquísima receita de fabas da Lourenzá con ameixas.

A súa seguinte parada serán as cetarias naturais de Rinlo, onde Tita e a súa irmá lles explicarán a gastronomía de Rinlo a raíz da historia das cetarias naturais, as primeiras da península Ibérica, usadas para o comercio de peixe. Despois, acompañarán a Tita ó seu restaurante, A Mirandilla, para aprender a tratar a espectacular pescada de Burela e cociñala nunha salsa de ourizo para chupar os dedos. Por último, os concursantes terán que aprender a facer a torta de Mondoñedo. A encargada de ensinarlles será Celia, cociñeira afeccionada que lle dá un xeito sen igual a elaborar este antigo doce típico das terras da Mariña.

Unha vez desvelados os segredos das tres receitas, os cinco cociñeiros afeccionados do programa enfrontaranse nun concurso popular, Praza da Catedral de Mondoñedo, aos mellores cociñeiros da comarca facendo eses pratos: Suso Villarino e Nazaret Barroso do Asador Barreiros (Barreiros), Michel Cociña e Cristina Leal de Casa Miranda (Burela) e Silvia Rodríguez da pastelería Cabaleiros (Lourenzá). A súa habilidade nos fogóns e un xurado popular composto por quince veciños da comarca será quen decida que equipo Come a Comarca da Mariña Lucense.