As mazás de Cunqueiro

As maceiras de Mondoñedo alimentaron ás musas do autor de «Merlín e familia», que sabía ben que a literatura estaba nos contos que escoitaba na botica do pai e nos relatos inventados da nai


As maceiras de Mondoñedo son cómplices dalgúns dos textos máis sobresaíntes da literatura galega, ou así foi como Cunqueiro nolo trasladou, relacionando a súa inspiración co arrecendo das mazás da vila que o vira nacer. Mesmo así, algo tamén influirían nos seus dotes de fabulador os contos que escoitou de pequeno na botica do pai ou a exultante paisaxe da terra de Miranda, onde nacera súa nai, e que sería escenario constante da súa prosa.

 Sen ningunha dúbida, a vila natal e os seus arredores van ser a Ítaca do escritor, o lugar ao que volver sempre. Un deses retornos, de seguro o máis amargo, produciuse en 1947, despois de verse obrigado a deixar Madrid e logo de transitar por camiños que o desviaran dos seus ideais de xuventude. Novamente pisaba as rúas empedradas de Mondoñedo, como cando era pícaro, pero sen a alegría de outrora. A vida púñao no punto de partida, pero marcado xa polos seus erros: sen o carné de xornalista, nunha difícil situación familiar, e, pese a iso, no lugar onde as mazás seguían a ser inspiradoras.

A influencia dos amigos

Os amigos sabían ben das cousas de Cunqueiro, pero lembraban tamén o poeta vangardista, o gran conversador dos parladoiros composteláns ou o emprendedor cultural. Quizais por iso foron precisamente os amigos os que acompañaron o seu «desterro» mindoniense e conseguiron que volvese á escrita en galego, primeiro como xornalista, a través de colaboracións para xornais e revistas que asinaba con pseudónimo, e despois como poeta na colección Benito Soto con Dona do corpo delgado (1950).

Ao mesmo tempo fundábase a Editorial Galaxia, a que sería a súa casa editorial en diante. Que o seu amigo da infancia, Francisco Fernández del Riego, fose un dos fundadores axudou a esta frutífera relación que acabaría por renovar a narrativa galega de posguerra.

Non foi doado que Cunqueiro escribise, pero a teimosía de Del Riego chegaba cada poucos días en forma de carta a Mondoñedo, tanto era así que cando se demoraba nos envíos enseguida se queixaba Cunqueiro de que o tiña abandonado. Nesa fraternal relación epistolar, Del Riego aproveitaba para pedirlle artigos, intercambiar impresións de lecturas, compartir rexoubas..., e sempre deixaba unhas liñas para apremalo a que lle mandase orixinais das súas obras.

Con insistencia, e sen cambios nos remitentes, chegaría Merlín e familia (1955), a primeira novela de Cunqueiro en galego á que seguirían As crónicas do Sochantre (1956) e Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961). Hoxe as páxinas destas novelas espertan igualmente asombro e complicidade ficcional ao situar o Mago Merlín nas terras de Miranda, ou a Ulises e Sinbad na ría de Vigo. Paralelamente, entusiasmado pola lectura de Shakespeare, o de Mondoñedo dá ao prelo O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958), unha reinterpretación da historia que o dramaturgo inglés universalizou.

Cunqueiro era admirador de Shakespeare e Hölderlin, traducía do inglés, do francés ou do alemán, era un escritor culto, un polígrafo. E mesmo así, sabía que a literatura transcende os libros, que estaba naqueles contos que escoitaba na botica do pai ou nas feiras próximas, e tamén nos relatos que cada día inventaba súa nai para captar a atención da súa prole. Aquela muller que, cal Sherezade, entretiña os seus fillos ata que un deles, Álvaro, en seguidiña deu en aprender o oficio e facerse responsable da calma familiar. Daqueles días da primeira xuventude, é tamén unha novela de vaqueiros en castelán -se cadra a súa primeira novela-, onde os indios falaban galego e remataban vencedores.

Entre o cotián e o marabilloso

Sobre os alicerces desa oralidade e da fabulación familiar, xurdiría anos máis tarde a súa triloxía de relatos: Escola de menciñeiros (1961), Xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979). Un mosaico de tipos galegos que nace do interese e da admiración da nosa xente, do seu carácter, da súa retranca, da capacidade de fascinación polo marabilloso... Contos onde emigrantes, curandeiros, capadores, cegos conviven nun mostrario único entre o cotiá e o marabilloso.

Ata 1961 a súa vida transcorre en Mondoñedo e son os anos máis frutíferos para o escritor en galego. Seguramente as maceiras deran boa colleita e soubo colocar as mazás estratexicamente pola casa para que o seu arrecendo alimentase as musas, ritual que mantivo ata os seus últimos días. Mestura de teimosía, maxia e talento, Cunqueiro converteuse co paso das décadas no referente poético da xeración dos 80 e a materia da súa narrativa anovouse en repetidas ocasións e, moi especialmente, na mirada de Begoña Caamaño. Así pois, parecen certos aqueles versos de Herba de aquí e de acolá (1957): «Pero eu resucitarei, que soio volven os que recordan, compañeiros».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

As mazás de Cunqueiro