«É un orgullo ser alcalde do meu pobo, pero o cargo non me vai cambiar. A idea é seguir sen dedicación do Concello»

María Cuadrado Fernández
MARÍA CUADRADO MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

PEPA LOSADA

Manuel Ángel Otero Legide é o alcalde en funcións de Mondoñedo

03 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non oculta o orgullo que representa ser o alcalde do seu pobo, pero asegura que o cargo «non me vai cambiar. A miña familia inculcoume uns valores e teño moi claro de onde veño e quen son». Manuel Ángel Otero Legide, de 59 anos, empresario dun negocio de ferretería e construción que funciona desde 1925, é desde este luns o rexedor de Mondoñedo trala renuncia de Elena Candia. Asumiu a alcaldía de forma accidental ou en funcións. Será un cargo provisional ata que se celebre o vindeiro pleno no que tomará posesión de forma oficial o rexedor. Esa sesión deberase celebrar no prazo de dez días, pero é probable que se convoque para o luns 9. Poderán concorrer ao cargo edís doutras formacións con representación na corporación, segundo explicou Manuel Ángel Otero, concelleiro popular desde o 2015, quen avanzou que o equipo de goberno terá unha reunión para falar de competencias.

—Como afronta esta nova etapa á fronte do Concello?

—Con vocación total e entrega a Mondoñedo. Fun e son unha persoa da rúa, síntome orgulloso de ser alcalde do meu concello, pero teño claro que o criterio vai seguir sendo o mesmo: traballar, traballar e traballar. Iso é fundamental. Somos un equipo e traballamos a pleno rendemento.

—Introducirá cambios ou seguirá na liña de goberno iniciada?

—Manteremos a liña. Hai moito traballo feito, proxectos abertos, outros avanzados. Seguiremos insistindo en que Mondoñedo é un concello aberto a todos.

—Sorprendeuno a elección de Candia como cabeza de lista?

—Para min foi unha sorpresa. Eu quérolle moito a Elena, unha muller moi traballadora que se desvive por Mondoñedo. Sempre apostei por ela.

—Xa tivo que asinar algún documento ou ten algún acto para estrearse como alcalde?

—De momento, trámites, e para a fin de semana, o 7 e o 8, hai un curso de espeleoloxía.

—Vai ter dedicación do Concello?

—Ata agora non tiña e a partir de agora, a miña idea é seguir de momento sen dedicación. Ata agora viña de 8 a 11 horas ao Concello e tamén algunha tarde, pero agora temos que valorar este asunto.