«Hai moitos mindonienses ilustres pero Cunqueiro é dunha grandeza especial»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

MARCOS CREO

Este venres día 28 será distinguido «Cunqueirianus emeritus» en Mondoñedo

27 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Empezando polo final desta entrevista, Víctor Fernández Freixanes explica razóns de carácter político da súa xeración que marcaron que en 1976 non figurase Cunqueiro no seu libro Unha ducia de galegos, para acto seguido contar que «un bo día Ricardo Carvallo Calero puxo nas miñas mans Merlín e familia e díxonos: ‘Lede isto’. A partir de aí comprendimos que a literatura... era a literatura. O sitio de Cunqueiro non é o silencio, senón que co tempo axigántase a súa obra, afortunadamente para todos nós». Máis dende que o ilustre escritor finou, un 28 de febreiro de 1981. Data (mañá) na que será nomeado en Mondoñedo «Cunqueirianus emeritus» Víctor Fernández Freixanes, presidente da Real Academia Galega.

-Que balance fai dentro da RAG?

-Estou contento e un pouco fatigado porque é unha institución na que «máis carbón metes, máis carbón traga», unha institución cunha expectativa e demanda social moi importante. Con recursos moi limitados, temos que suplilos a base de esforzo, traballo, horas... Son diccionarios, toponimias, lingüística, a casa-museo de Emilia Pardo Bazán, a primavera das Letras Galegas, etcétera. Incluso tamén te sintes moi presionado, porque a lingua está nunha situación delicada, que non é de agora. Avanzamos moito en moitas cousas pero tamén perdimos outras cousas. A Academia traballa con responsabilidade nese tema pero ao mesmo tempo non é a responsable da política lingüística, co cal sempre estamos nunha situación de análise crítica. E iso ocupa, porque somos conscientes da realidade social que ten unha institución con tantos anos de historia (dende 1905) e que a xente mira para ela. Un diccionario coma o noso que ten setenta mil consultas diarias... non é unha broma! Quere dicir que hai unha demanda social e unha responsabilidade social. Traballamos moito: o Diccionario de Lexicografía que dirixe Manuel González, o de toponimia que é espectacular (sacamos agora o portal de «Galicia nomeada» e en dous meses subimos case catro mil topónimos novos). Todos os anos estamos buscando recursos económicos, renovando contratos... É un traballo que ten unha utilidade social e, por tanto, gratifica.

-Como leva ser a cabeza visible?

-Ao meu arredor sinto afecto e apoio pero tes que explicarlle ao mundo dos que teñen o poder e o diñeiro cousas que creo que non habería necesidade de explicalas. Todo o día fas labor de pedagoxía social.

-E agora vai sumar un título, o de Cunqueiriano de Honra...

-É moita honra! Así llo dixen á alcaldesa cando me chamou e aos amigos cando pensaron en min. Cunqueiriano, porque todos somos cunqueirianos. Álvaro Cunqueiro é unha desas figuras que marcou un fito fundamental no discurso literario das letras galegas. Pero hai moita xente que ten tantos ou máis méritos ca min para recibir un título destas características, porque tampouco son un especialista en Cunqueiro. Eu editei a Cunqueiro, si, porque na Editorial Galaxia incorporar a Cunqueiro era un capital.

-Con que perfil ou mensaxe de tantas que nos regalou Cunqueiro se quedaría vostede?

-É un home dunha orixinalidade, dunha capacidade para construír un universo literario propio e dun dominio da lingua dende os rexistros creativos e estilísticos tan orixinais, tan distintos, tan ricos, que en si mesmo é unha xoia, tanto como poeta como narrador. Algo que vou dicir no meu discurso de agradecemento, é que eu fun a Mondoñedo porque lin a Cunqueiro. Senón, se cadra, iría pero como vas a corenta mil sitios... Hai cidades que existen porque teñen detrás un poeta, o caso tamén de Dublín con Joyce ou Kafka con Praga ou John dos Pasos con Manhattan. Mondoñedo existe porque existe Cunqueiro. Ainda que hai unha lista de mindonienses ilustres, Cunqueiro é dunha grandeza especial. É un deses autores xigantescos na literatura galega.

«Hai cidades que existen porque teñen detrás un poeta»