Follas de limón


Chega o Antroido cargado de máscaras, cocho e doces de tempada. O Antroido non é carnaval, non é un baile de disfraces, un desfile de enmascarados máis sosos que feitos e encarga nin un concurso de carrozas. O Antroido é un sentimento, lévase por dentro, que para fóra val calquera trapo dos gardados no baúl do faiado. Dicía que con estas festas chegan tamén doces moi nosos e moi propios da estación. Freixós, rosquillas (como boto de menos as de miña tía Amparo!), flores de tixola, chulas, chaolas en Cariño, mazapáns en Lourenzá, vinchas e bandullos na Terra de Montes pontevedresa e no Morrazo... e follas de limón. Meu pai dicía que non había nada como as follas de limón que cociñaban na súa casa, que era a dos seus pais, Xulia dos Pinos e/ou Carmen das Tanas. E miren por onde, o noso escritor de cabeceira, Álvaro Cunqueiro, recolle a receita en A cociña galega, indicando que lle parece receita traída de Tui a Mondoñedo. O certo é que cada vez que falo ou escribo delas sempre hai alguén que aínda as prepara, que as comeu na infancia cociñadas pola aboa ou que escoito falar delas na familia. Non so Tui e Mondoñedo son patria deste doce que, como digo, coñecen xentes de toda Galicia, inda que sexan poucas. Este doce, seguramente de orixe medieval, tamén é propio de terras tas afastadas como Murcia, onde leva o nome de paparajotes. E ata pode que en Italia se coñeza ou se coñecese antano, que Martino da Como, «Cocinero por un tiempo del Monseñor Camarlengo y Patriarca de Aquileia», escribe no século XV unha receita semellante, pero con follas de loureiro. Faise un amoado coma o dos freixós con fariña, leite, ovos e un chisco de sal. Móllanse nel follas de limoeiro ben limpas e frítense en aceite de xirasol. Escórrense ben sobre un papel de cociña, agregase azucre e cómense o antes posible, que é produto delicado que non resiste ben o paso do tempo. Cómese a masa do rebozado e antes sácase de dentro a folla. Cunqueiro fala desta sobremesa, o mesmo que o fan Cipriano Torre Enciso ou Xaquín Lourenzo. E tamén os anuncios publicados en La Voz de Galicia, en 1906, pola «acreditada confitería de El Castellano».

www.cunqueiro.es

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Follas de limón