Armando Requeixo: «O noso obxectivo é que a Casa Museo de Cunqueiro sexa un catalizador de eventos»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía MONDOÑEDO/LA VOZ

MONDOÑEDO

CEDIDA

O estudoso, crítico e escritor é o encargado desa nova tarefa, a proposta do concello mindoniense e da alcaldesa

10 oct 2019 . Actualizado a las 13:06 h.

O estudoso, crítico literario e escritor mindoniense Armando Requeixo acolle cos brazos abertos un cometido ao que está ligado emocional e culturalmente. Coordinará actividades e publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro.

-Como naceu esta proposta?

-O Concello de Mondoñedo e no nome da alcaldesa Elena Candia quixeron facer que a Casa Museo de Cunqueiro, que é un continente fabuloso e leva uns meses abertos con moito éxito de público, fose tamén un lugar de encontro da palabra e da memoria e do herdo do persoeiro que alí está honrado Álvaro Cunqueiro. Habendo un continente queríase tamén que a casa tivese un contido literario que espallara e potenciar aínda máis a presenza de Cunqueiro na propia casa, en Mondoñedo e en toda Galicia. Con ese fin procuraron alguén que puidera botar unha man e ser de axuda pola querenza á figura inmensa de Álvaro Cunqueiro, polo coñecemento tamén da súa vida e obra e tamén pola complicidade, en moitos sentidos, que eu poido ter ao lugar ao ser tamén mindoniense. Depositaron en min a confianza para que eu fose o coordinador de actividades e publicacións.

-Cales serían as liñas mestras desta nova función?

-O obxectivo é programar actividades que dalgunha forma poidan servir para que a Casa Museo se converta nun catalizador de eventos que sirvan non só para escaparatizar o traballo da propia Casa Museo, senón ademais para profundar ou seguir mantendo absolutamente viva a figura e o legado de Álvaro Cunqueiro.

-Xa hai algo planificado?

-Pensamos nunha batería de actividades inicial. Deseñámola pensando que este trienio que agora vai comezar está balizado por dúas datas esenciais na propia vida do escritor, que son o 22 de decembro a do seu nacemento e o 28 de febreiro a do seu pasamento, para botar a andar. Para presentarnos en sociedade no circuíto cultural e literario de Galicia; será, digamos, o noso saúdo da Casa Museo como plataforma cultural. O que ideamos para ese primeiro período é levar adiante unha serie de conferencias, un pequeno ciclo, «Cunqueiro aquí e acolá», no que trataremos de que un persoeiro ilustre ou significado no seu mundo poda impartir unha conferencia o día do seu nacemento e outra no do seu pasamento, e unha actividade intermedia para o mes de xaneiro tal vez. Ese miniciclo pode optar á fórmula de conferencia maxistral ou ben de mesa redonda e que haxa un coloquio co público. Ademais, está na nosa intención comezar a publicar materiais cunqueirianos e moi particularmente uns cadernos de ensaio que bautizamos como Colección Selva de Esmelle, na que imos publicar textos e ensaios de extensión breve ou mediana arredor da vida e obra de Cunqueiro. Queremos comezar esa serie cun texto que está ultimando para nós o propio fillo do escritor, César Cunqueiro.

-O mellor comezo!

-Empezaremos cun comezo exponencial, é dicir, un Cunqueiro ao cadrado, un Cunqueiro falando de Cunqueiro. É un comezo bonito. Logo solicitaremos ensaios a estudosos e persoas vinculadas á figura de Cunqueiro que irán sendo publicados coa periodicidade que nos sexa posible. Mesmo algunhas das conferencias intentaremos tamén recollelas nesa colección. Á vez, temos avanzado o esqueleto ou idea de publicar una Revista de Estudos Cunqueirianos onde teñan cabida textos de toda natureza que teñan que ver co mundo de Cunqueiro.

-Con que apoios contarán?

-O Concello de Mondoñedo, Deputación Provincial de Lugo, Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a familia do escritor e Fundación Penzol de Vigo, que é a depositaria de boa parte do legado do escritor. E tenderemos pontes e crearemos sinerxias tamén coas outras plataformas asociativas e institucións do país.