Alicia, silencio

Antonio Reigosa

MONDOÑEDO

10 sep 2019 . Actualizado a las 22:20 h.

Despediuse ás caladas, como sempre viviu e obrou, Alicia Tella-Villamarín Ferreiro (Doncide, Pol, 1938-Mondoñedo, 2019).

Estudou Maxisterio, aínda que nunca exerceu a profesión. Chegou a Mondoñedo con apenas seis anos, primeiro por amor á súa tía Alicia, esposa de Pepe Cunqueiro, irmán de Álvaro, muller que morreu nova e sen descendencia e á que a sobriña substituíu nos coidados ao seu tío e padriño, último alcalde republicano de Mondoñedo, José R. Villamarín Pallín.

En Mondoñedo, por amor

E quedou en Mondoñedo xa para sempre por amor ao profesor e escultor valenciano Juan Puchades Quilis, a quen coñece a principios da década dos 60 e co que casa en 1967. Teñen dúas fillas, María Jesús e Alicia. Foi a responsable da Biblioteca Municipal Pena Trapero de Mondoñedo desde a súa creación en 1981 ata a súa xubilación, no 2003. Colaborou en múltiples actividades relacionadas coa literatura e coa historia cultural de Mondoñedo, e participou na creación de cabeceiras literarias e culturais como Monfadal; recuperou exemplares de prensa histórica editada en Mondoñedo para a biblioteca, e promoveu todo tipo de iniciativas que tivesen que ver cos libros e coa lectura.

Extraordinaria persoa, humilde e discreta

Ademais, foi unha excelente, extraordinaria persoa; humilde, discreta, sempre disposta á axuda, leal e entregada a todas as cousas da humana xente. Con Juan Puchades, musa sempre xenerosa. Coa familia Cunqueiro, por razóns familiares e afectivas, especialmente con Carmiña, atenta ata un infinito que ela, sabéndose necesaria, descoñecía.

Foise Alicia, en silencio, como sempre andou pola vida; sixilosa, cariñosa, entregada, atenta, querida, sensible, amante do Mondoñedo egrexio, soñador e sempre esperanzado! Somos moitas e moitos os que lle debemos memoria, os que aprendemos que querer non é máis que un desexo, unha vontade!

Foise Alicia!

Mondoñedo repica o silencio inabarcable da súa memoria! Apertas, prezado Juan, prezadas María Jesús e Ali! Alicia sempre vai estar en nós, e nós con vós e con ela!

Un bico!

* Antonio Reigosa, escritor. Cronista Oficial de Mondoñedo.