Modesto Díaz xubílase no IES mindoniense

María José Cuesta

MONDOÑEDO

07 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Observando unha fotografía do pasado podemos trasladarnos a unha época determinada. O ambiente, a roupa, o peiteado, mesmo a nosa cara son testemuñas do vivido nesa etapa da vida e tamén do rápido que pasa o tempo.

Nesta foto túa de 1977, Modesto, es un rapaz que comezaba a traballar no instituto no que poucos anos antes aínda estudaba. No teu rostro, a ilusión de quen ten por diante un novo reto sabedor xa de afrontalo co xeito que mellor define a túa personalidade: con responsabilidade, compañeirismo e dedicación, calando así as bocas que non cren no compromiso do funcionariado.

Nestas máis xa de catro décadas da túa entrada neste centro, viches pasar milleiros de persoas: alumnado, profesorado, familias. Sempre accesible a todo o mundo, demostrando no teu traballo a túa integridade e entrega, xa que, afortunadamente para quen tivemos a sorte de traballar ao teu carón, es incapaz de ser outra persoa distinta da que es no ámbito laboral.

E así, case sen nos dar conta, chegou o día. Merecido, despois de 42 anos traballados, que non o pode dicir calquera. 42 anos de dedicación ao instituto que nunca deixaches, pois pasaches de estudar nel a ingresares como traballador; que iso é o que es, Modesto: un traballador nato, o paradigma do empregado público, entregado, a alma do centro. Sempre se pode contar contigo, non importa a hora, o día, a semana, o mes. Todo o que faga falta polo ben da comunidade educativa. Es das persoas máis honestas que coñezo: serio no traballo, responsable, a quen se pode confiar calquera tarefa coa tranquilidade que dá saber que ha ser levada a cabo coa máxima dilixencia e que ha saír ben. Es quen máis sabe do centro, pois es parte viva da súa historia. Aquí estiveches con todas as direccións que houbo ata hoxe, coñeces todos os segredos, anécdotas, funcionamento, vida e milagres do alumnado e do profesorado que pasou por estas aulas. Sempre disposto a facilitar que as cousas anden: acompañando unha excursión, facendo unha garda. E como controlas a rapazada no comedor! É ben certo que aquí lle toca vivir os anos da rebeldía adolescente, pero toda canta xente pasou polas túas mans recoñece e agradece o teu bo facer precisamente porque se recoñecen as persoas serias, responsables, que che dan seguridade, nas que podes confiar. Atendes a todo o mundo, sen pensares se forma parte ou non da túa función; simplemente axudas, sempre buscando o ben do centro e de Mondoñedo.

En fin, vai ser mellor que o contes ti, que sabes ben máis ca min. Eu só che quero dicir e agradecer o moito que me tes axudado, tamén cando eu empecei e ti entraches no Concello como servidor, outra vez máis, da cidadanía, colaborando co centro cando fixo falta. Foi un  privilexio traballar contigo, un luxo terte de compañeiro. E non quero falar en pasado, porque sendo como es, sei que sempre has estar aí para o que faga falta... Aínda que tamén che debo dicir que, sen ti por aquí, o instituto xa non che é o mesmo.

María José Cuesta es directora del IES San Rosendo de Mondoñedo