Alumnos do IES San Rosendo de Mondoñedo tratan de localizar os lobos da serra do Xistral

Lucía Rey
Lucía Rey MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

CEDIDA

O proxecto dirixido polo profesor Óscar Chao competirá do 8 ao 10 de maio na feira científica Galiciencia

24 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Reunir cantos máis datos exactos e rigorosos sexa posible para falar «con fundamento científico» do lobo que habita a serra do Xistral coa idea de «facer de ponte entre os gandeiros e estes animais» para axudar a tomar medidas preventivas relacionadas coa instalación de valados ou a recollida de crías que corren perigo no monte é o ambicioso obxectivo final de «O da lá miúda», un proxecto do IES Plurilingüe de Mondoñedo de seguimento do lobo. A iniciativa foi seleccionada para participar na feira científica Galiciencia, que se celebrará no Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense, do 8 ao 10 de maio.

«Participan nel uns 15 alumnos de varios cursos, desde terceiro da ESO a segundo de Bacharelato», indica o docente que coordina a iniciativa, Óscar Chao Penabad, que é profesor de Bioloxía. «O da lá miúda é un nome que se lle dá ao lobo na zona de Mondoñedo e Abadín para evitar mencionar a palabra ‘lobo’ porque se cría que ao facelo atraíase a súa presenza», detalla. Para localizar os animais utilizan distintos métodos: desde rastrexo de feces, rascaduras, pegadas ou pelos en sendeiros e camiños, a restos de depredacións. Todos os achádegos se xeolocalizan nun mapa. Ademais, con autorización da Consellería de Medio Ambiente, o grupo ten instaladas oito cámaras con sensor de movemento en Mondoñedo, Alfoz e Abadín. Por agora xa localizaron varias manadas, aínda que dar co lobo non é sinxelo. «É complicado porque poden cubrir territorios moi amplos, de máis de cen quilómetros cadrados. Desprázanse moitísimo na mesma noite, e son sixilosos e meticulosos nos sitios nos que se esconden ou se reproducen», conclúe. Colaboran no proxecto o grupo Lobo Galicia e o Censo Nacional del Lobo Ibérico, que coordina a Universidad de Alcalá de Henares.