«Xa hai dous grupos de alimentación que se interesaron polo pan de fabas»

O panadeiro Waldo González-Redondo, de Panadería Rubal, destaca a boa acollida do produto catado por profesionais no Fórum Gastronómico da Coruña


MONDOÑEDO / LA VOZ

O pan de fabas de Panadería Rubal, de Mondoñedo, segue colleitando éxitos. Un recoñecemento dobre tendo en conta que aínda non se comercializa. Este novidoso produto tivo unha gran acollida este domingo no Fórum Gastronómico da Coruña. Esta variedade de pan é a última aposta desta empresa mariñana desde a que destacan a cooperación da cooperativa Terras da Mariña, da IXP Faba de Lourenzá e dos chefs David Rodríguez e Bruno Pena. O xerente da panadería, Waldo González-Redondo, recoñece o gran apoio que están recibindo.

?¿Con que impresións volve da presentación do pan de fabas no Fórum Gastronómico?

?Moi contento, moi satisfeito e con moitos contactos. Fixéronse dúas catas e presentacións, e en cada unha había unhas quince persoas. Para as catas estaban convidados comercializadores de pequenas e de grandes cadeas de distribución. E a pesares de que o pan aínda non se vende, xa hai dous grupos de alimentación que se interesaron por el, un representante de pequenas tendas e outro de tendas máis grandes.

?¿Que valoración fan os profesionais que o cataron?

?Din que teñen a sensación de estar probando un pan como o que se facía antes, cun sabor máis forte, doce. Aínda que non se vende, todo o mundo se interesaba por comprar o pan, tanto xente que participou na degustación como entre o público. Pero ademais de polo pan, moita xente manifestou o seu interese pola faba de Lourenzá, polos embutidos do porco celta e por outros produtos do stand.

?¿Como se serviu o pan? ¿en que receitas?

?Degustouse acompañado de embutidos de porco celta, en tostas e tamén acompañado dunha crema de fabas, alcaparras e aceitunas negras que creou o chef David Rodríguez Moledo. Foi das que máis aceptación tivo. Tamén se serviu acompañado de callos de bacallau. E o resto das cooperativas (eran cinco) usárono para o requeixo, para o lacón cocido con aceite galego... Os catadores tiveron a ocasión de degustalo e de recibir todo tipo de información e explicacións sobre o produto. Gustariame precisar que, ademais do pan, un artigo que tivo unha grandísima aceptación foi a faba de Lourenzá.

?A presentación oficial do pan de fabas teñen previsto facela en Lourenzá, nunha data aínda por determinar. ¿Haberá antes algunha outra?

?En principio, non o temos previsto. Ata agora fixéronse dúas presentacións oficiosas en Lourenzá e en Santiago, pero a oficial temos previsto facela en Lourenzá, co apoio do Concello.

Dous días empregan para elaborar o pan

O pan de fabas é un artigo selecto, cun proceso de elaboración custoso e que dura uns dous días. Cócense as fabas, hai que preparar a alga kombu coa que se combinan, realizar a fase de deshidratación, moer no muíño de pedra, facer a mestura coa masa nai do pan de Mondoñedo e deixar fermentar sen levadura. Complétase a elaboración engadindo fariña de trigo do país e tamén de centeo, esta procedente do norte de Portugal.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Xa hai dous grupos de alimentación que se interesaron polo pan de fabas»