Narración oral


VIVEIRO/LA VOZ

Fai uns días xuntámonos en Mondoñedo un bo feixe de narradores e narradoras orais galegas. A idea era vernos, coñecernos, recoñecernos... segundo o caso. E se a cousa vai para diante, ver como crear un colectivo no que apoiarnos e darnos a ver.

Quedamos a comer na Casa da Penela, en Vilamor. Mentres ían chegando contadores e contadoras de toda Galicia desfrutábamos do sol, falando, rindo,... Nisto eu sentín unha presencia no meu costado e ó xirarme atopei a Xulio Rodríguez, o anfitrión da Penela. A este home acompáñao un aura impoñente coa súa txapela e o seu xesto de bonhomía. Recoñeceume por meu irmán maior e con delicadeza foime levando ata un extremo da leira. Entón sinaloume unha casa e díxome que alí vivira Licho de Vilamor unha personaxe real que Cunqueiro recolle no seu libro Escola de menciñeiros.

Licho viaxaba polas feiras e era experto en sacar moas sen dor. Cunqueiro descríbeo como moi alto, moi gordo, cun colar de moas arrincadas por el, as tenaces sobresaíndo do peto... A súa presencia era tal que en canto o vían incluso as almas máis afoutas se «esmaiaban» da impresión... e así sacaba el as moas sen dor.

«Non era tan grande... máis ben era pequenote» díxome Xulio... «pero a Cunqueiro víñalle ben para a historia».

Ó día seguinte convideino a vir con nós facer unha visita guiada coa que outro insigne mindoniense, Antonio Reigosa, nos agasallaba. Como se estivesen ensaiando toda a semana, en perfecta coreografía de lembranzas e personaxes, Reigosa e Xulio ofrecéronos unha viaxe polas rúas e polo tempo que nunca esqueceremos... E disto se nutre a nosa paixón pola narración oral!

Caxoto é contacontos, natural de Viladesuso (Cervo)

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

Narración oral