A primeira Festa da Árbore, Mondoñedo 1569/ 2019


Cronista oficial de Mondoñedo

O 2 de febreiro conmemoramos en Mondoñedo, na Alameda dos Remedios, o 450 aniversario da primeira Festa da Árbore da historia.

Eran os tempos do poderoso rei Felipe II, aquel con frontes de guerra abertas no Atlántico cos británicos, no Mediterráneo cos turcos e nos Países Baixos contra ...;  ano no que se preparaba a gran armada chamada con maiúsculas e con retranca insuperable, logo do seu fracaso estrepitoso, Armada Invencible.

Precisábase moita madeira para construír tantos barcos. Ademais, os carboeiros, zoqueiros, zapateiros e as ferrerías gastaban moita leña, materia prima e combustible vital naqueles tempos. A xente precisaba comer e tamén escaseaban as mazás, as peras, os péxegos...

Tíñamos en Mondoñedo de bispo, entón capital dunha dunha das sete provincias que conformaban a Galicia do Antigo Rexime, ao conquense Gonzalo de Solórzono e de rexedor a Luis de Luaces e Labrada. Contábamos con ordenanzas municipais nas que se dispuña, so pena de castigo con severas sancións, coidar as árbores existentes e plantar outras novas. Preocupábanse de regular usos e sancionar abusos como a prohibición de cortar polo pé carballos, castaños, vedreiros e froiteiras.

As ordenanzas eran especialmente duras cos zapateiros, curtidores e carboeiros pois escascaban sen taxa, e tamén cos que alindaban cabras, cabritos ou castróns polo mal que causabann no arboredo.

Cabido, Xustiza e Rexemento nomearon gardas de bosques e fragas, obrigando expresamente a que cando se precisase leña ou madeira se deixaxe “horca y pendón”, un sistema de poda regulado por unha ordenanza real de 1496 que obrigaba a deixar sen demoucar dúas pólas, o “pendón”, póla lixeiramente curva, e a “horca”, póla case perpendicular ao tronco, o que permitiría aproveitar as futuras táboas na construción de barcos.

A partir de 1563 ordénase que cada veciño plante un número determinado de árbores por ano, especialmente froiteiras, dúas delas obrigatoriamente no Campo dos Remedios, de cara á cidade.

O padre Francisco de Múgica en “Origen y descendencia de los Luaces”, ano 1594, escribe que “Luis de Luaces, que fue Regidor de la ciudad, el cual plantó la arboleda que esté al partir de la Ciudad camino de Abadin, en un campo donde está una hermita y dicen en aquella tierra que cuando la plantó convocó a los comarcanos y a todos los niños y les dio un gran banquete porque quedase memoria de que el había sido el que había plantado la arboleda que es hoy la salida de más recreación que hay en aquella Ciudad de Mondoñedo”.

E. Lence Santar, primeiro cronista oficial de Mondoñedo, e F. Mayán Fernández, historiador e cuarto cronista, confirmaron coa descuberta doutros documentos "que los vecinos desta cibdad traigan para en otro día de san blas a el Campo de nuestra senora de los rremedios y planten en el cada vno tres árboles diferentes e que sean de dar fruta so pena que el que faltare de las traer y plantar pague por cada árbol medio rreal para que a su costa se puedan traer e plantar".

O 2 de febreiro de 2019 Mondoñedo celebra con todo o dereito, da man da Asociación O Pasatempo e de toda a veciñanza, o 450 aniversario dunha data histórica. Quedan vostedes convidados!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

A primeira Festa da Árbore, Mondoñedo 1569/ 2019