«Non vivo só do conto, son mestra de día e contadora de contos de noite»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

CEDIDA

Escolleuse para a cita a cidade mindoniense tamén pola figura de Cunqueiro

24 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo formado por Ángeles Goás (A Torre-Abadín, 1972), Felipe Díaz Caxoto, Carmen Conde, Cris de Caldas, Marta Ortiz, Vero Rilo e Brais das Hortas fai posible que esta fin de semana a narración oral sexa a absoluta protagonista de Mondoñedo, unha cidade que viu nacer a todo un gran contador de historias en Galicia como foi Cunqueiro.

-Naceu en Abadín pero un paxariño contoume que «era» da Mariña.

-Porque paso o verán en Foz, completiño. Corazón da Mariña teño.

-Vive do conto, literalmente?

-Non vivo só do conto. Son mestra de día e contadora de noite. Pero non me dedico tanto a contar contos para nenos, que tamén o fago, senón máis a contar para adultos. Ás veces están asociados aos pequenos, cando tamén hai para maiores. Para vivir do conto necesitaría que os maiores fixesen conciencia de que os contos son tamén para eles.

-Será que na infancia nos empapamos de contos pero, a medida que medramos, ímolos deixando, como ocorre coa lectura?

-Sabes que pasa? Hoxe en día hai menos oportunidades de escoitar contos ca de ler na etapa adulta. E para os nenos é igual. Teñen moita literatura ao seu alcance porque en todas as casas hai contos, libros, material para ler, pero nas familias cóntase hoxe menos que se contaba antes e os nenos están menos acostumados a escoitar.

-Cando se di «para adultos» ás veces tamén ten outro significado...

-[Ri] Tamén pode ser un pouco picantón o conto... Eu conto historias de adultos que tamén poden escoitar os nenos, pero ao mellor tocan temas que non lles interesan tanto.

-Fan este encontro en Mondoñedo. Non teñen grupo de WhatsApp para poñerse ao día na profesión?

-[Volve rir] Temos, conseguimos ter un: «Contadores Contadoras de Galicia». Os obxectivos deste primeiro encontro son simples. Primeiro, é xuntarnos para coñecernos un pouco, porque non todos nos coñecemos, e para crear lazos entre nós, que sirva para tomar decisións xuntos, apoiarnos, ver que queremos facer como colectivo, falar das inquedanzas que temos...

-Ao mellor nace un sindicato.

-Quen sabe! Cantas cousas habería que tratar!

-Como está o oficio, por dentro?

-Non é fácil todo. Estás bastante só. Vas preparando os contos e as historias, vaslles dando o teu toque persoal, utilizando a palabra para entreter, divertir e emocionar ás persoas, pero ás veces vas coa incerteza de non saber se estás acertando ou non tes con quen comentar as cousas. Moitas veces fas moitos quilómetros en solitario pero coñeces a moita xente.

-Está ben valorado en Galicia?

-Si, penso que si que está ben valorado aínda que perdemos algo nos últimos anos. Podemos darlle un pulo para que a xente siga indo a onde se contan contos, para nenos e para maiores. É un traballo que temos por diante.

-Cantos narradores acudirán a Mondoñedo? Vénseme á cabeza, por exemplo, Cándido Pazó.

-Somos 27. Se nada falla, terémolo con nós, aínda que para a Noite de Contos do sábado que é para o público non temos pechada a asistencia; aínda hai xente enviándonos confirmación.

-Se estivese Cunqueiro...

-Sería un luxo telo!

-Por que en Mondoñedo?

-Escollemos Mondoñedo polo tipo de cidade que é e o lugar é significativo por Cunqueiro. Foi proporllo á alcaldesa [Elena Candia] e acolleu a iniciativa. Este evento tivo unha grande acollida por parte do Concello de Mondoñedo, o que é de agradecer.