«No 1979 os policías encendíamos á man parte do alumeado de Mondoñedo»

Moitas anécdotas retén na memoria o policía local José María Castillo, que se xubila tras 39 anos de servizo


MONDOÑEDO / LA VOZ

O vindeiro día 20 José María Castillo García (Mondoñedo, 1953) xubilarase despois de 39 anos de servizo como policía local en Mondoñedo. Toca facer balance, analizar os cambios que experimentou a cidade episcopal e repasar como foi mudando o traballo no corpo policial.

?¿Vostede xa entrou como policía ou como auxiliar?

?Entre como policía no 1979. Antes tiñamos que facer un exame teórico, unhas prácticas deportivas e pouco máis. Non facía falta ir á academia da Estrada.

?¿Cantos policías había entón?

?Estaba Rogelio, Pascual, Manolo, Suso e Luis. Éramos seis. Agora mesmo, contándome a min, hai tres axentes e un auxiliar.

?¿Que balance fai destes anos?

?Cando entrei non había nin talonarios. Había que facer as denuncias de puño e letra. Non había coches, nen motos. Tiñamos que ir a pé. ¡Quen tiña un coche entón! O servizo cambiou como da noite ao día. Antes había calabozos e tiñamos que levar aos detidos andando ao xulgado. Unhas funcións desapareceron, como a custodia dos detidos, o control do matadeiro municipal (había que ir polas mañás e polas tardes controlar as reses que se sacrificaban e poñerlles un selo), tiñamos que controlar as obras en todas as parroquias e facer informes e recorrer as parroquias unha vez á semana por si había algunha incidencia. Canseime de facer gardas nocturnas, servizo que desapareceu sendo alcalde Javier Loira. Cando cheguei no 1979 os policías encendíamos á man parte do alumeado público de Mondoñedo.

?¿E como era o sistema?

?Había un ou dous interruptores e tiñas que ir encendelos á noite e apagalos pola mañá. Recordo que unha das zonas nas que se facía era onde está o parque infantil, ó lado do seminario.

?Pero o resto das funcións mantéñense...

?Si. [O axente Manuel repasa con José María as tarefas que presta a policía]. Control e vixiancia de tráfico, tarefas administrativas, estamos facendo moitas notificacións pola biomasa, redactar denuncias, atestados en vía urbana, cortes de rúas, control de obras, cobro de recadación por ocupación de vía pública...

?¿Fan moita tarefa administrativa?

?Antes había un conserxe que tamén facía notificacións e esa función agora faina a policía.

?¿Cando é a época de máis traballo, no verán ou nas San Lucas?

?Aínda que o nivel de turismo aumentou bastante nos últimos anos, As San Lucas é o punto máis conflitivo por enriba do verán. Hai moito traballo antes, durante e despois das festas.

?Pero non hai excesivos problemas, ¿non si?

?Dentro do normal, tendo en conta a cantidade de xente que visita Mondoñedo.

?Algunha anécdota que teña traballando polas San Lucas...

?Un ano houbo un enterro o día 18. Para sacar ao defunto por alí arriba houbo que facer filigranas.

?¿É tranquilo Mondoñedo?

?Moi tranquilo. Máis tranquilo imposible. Hai 15 ou 20 anos había movida nocturna os venres e sábados, pero desapareceu todo.

?O peor do seu traballo.

?Cando por exemplo tes que ir a algunha casa porque os veciños ou os familiares levan días sen ver a unha persoa. Atoparte a unha persoa morta é o máis desagradable de todo.

?Tamén houbo cousas boas...

?Unha vez ía co coche pola Avenida de Buenos Aires, vin a unha persoa andando pola acera e deume a sensación de que estaba mal. Díxenlle que para a casa non o levaba, que o levaba ao ambulatorio. Cando chegamos alí caeume dos brazos, collino como puiden, viñeron os médicos e conseguiron estabilizalo. Sempre penso que se non o levara ao mellor non se salvaría.

?¿A que se vai dedicar agora?

?Vou seguir coa mesma rutina. Nunha casa sempre tes que facer e máis se vives no campo. Gústame a carpintería de madeira, a soldadura, a albañilería... Non me vou aburrir en ningún momento.

?Algún consello ós compañeiros..

?¡Que consello lles vou dar se xa están de volta de todo! Están suficientemente capacitados. Só lles digo que non tomen as cousas á tremenda. Ás veces non se trata de multar por multar. Se o coche non interrumpe o tráfico antes de multalo vai dar unha volta. Hai moitas formas de cumprir co teu deber. Aconsello falar.

 

DNI

O primeiro día de traballo

O 1 de febreiro do 1979. En 39 anos só colleu unha baixa, por un accidente.

Volvería a ser policía

«Poñendo nunha balanza o positivo e o negativo teño que dicir que se puidera retroceder no tempo gustaríame volver a ser policía local»

Distinción

Foi recoñecido por 25 anos de servizo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«No 1979 os policías encendíamos á man parte do alumeado de Mondoñedo»