Lourenzá e Mondoñedo acolleron a emotiva homenaxe ao Gardarríos

La Voz LOURENZÁ / LA VOZ

MONDOÑEDO

Xaime Ramallal

Houbo unha mesa redonda e inaugurouse un monolito no cemiterio de Vilanova

24 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cunha mesa redonda titulada «Luis Trigo, a loita dun rebelde» celebrada no auditorio municipal de Mondoñedo comezaron onte os actos da homenaxe a Luis Trigo, Gardarríos, e Antonia Díaz, que foron asasinados o 25 de xuño de 1948, en plena ditadura franquista, en Vilanova de Lourenzá. Na primeira cita estaba prevista a participación, entre outros, Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo; Odette Martínez, investigadora do Centro da Memoria da Universidade de Montpellier; Bernardo Máiz, investigador; e Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro e especialista da guerrilla na Mariña. Tamén Francisco Martínez «Quico», un dos últimos guerrilleiros antifranquistas galegos vivos.

Máis tarde a actividade desprazouse ao cemiterio de Vilanova, onde foron enterrados Trigo e Díaz, e onde se inaugurou un monolito en lembranza da parella, que combateu o fascismo. Entre os asistentes á homenaxe destacou a presenza de Fernanda Cedrón, neta de Luis Trigo. O encontro reivindicativo culminou cun recital poético e musical que se celebrou no propio camposanto laurentino, e no que ían intervir poetas e músicos como Lois Diéguez, Baldomero Iglesias, Xosé Abella, David Otero, María Xosé Lamas, Esperanza Pérez ou Xaime Oroza.