As pegadas do Gardarríos na Mariña

Carlos Nuevo Cal (Cronista oficial de Viveiro)

MONDOÑEDO

ARCHIVO CARLOS NUEVO

Luis Trigo, «O Gardarríos», famoso guerrilleiro, recibirá unha homenaxe en Mondoñedo-Lourenzá

22 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Luís Trigo Chao O Gardarríos naceu en Santa María de Cabanas (Riobarba), o 24 de decembro de 1891, no seo dunha familia de labregos. Emigrante en Cuba, onde comezou a súa toma de conciencia política; ao retorno casou con Josefa Penabad Bouza, coa que tivo dous fillos e dúas fillas. En 1922 marchou á Arxentina, regresando en 1929 para establecerse en Viloalle (Mondoñedo); alí viviu na compaña da súa segunda muller, Encarnación Loureiro. Na parroquia mindoniense tomou parte activa nun conflito veciñal sobre a reclamación duns montes comunais e a principios de 1932 foi designado para desempeñar o oficio de garda en caza e pesca fluvial, motivo do seu sobrenome.

Durante o sexenio republicano, Trigo, participou na constitución e como secretario da Agrupación Socialista de Mondoñedo, presidida por Xaquín Ares. Nestes anos de radicalización do PSOE, “O Gardarríos” convertese nun seguidor das teses largocaballeristas en defensa do “Frente Único Obreiro” e das accións revolucionarias que desembocarían nos sucesos de Outubro do 1934.

Igualmente, Luís Trigo desenvolveu unha ampla campaña propagandista dende as páxinas de “El Momento”, órgano das agrupacións socialistas do Partido xudicial de Viveiro nas que publicou unha serie de artigos de carácter anticlerical. Co estalido da revolta asturiana e declaración da folga xeral, Trigo permaneceu detido durante uns meses no cárcere provincial de Lugo, sendo encausado, xunto cos tamén socialistas mindonienses Patricio Vijande, Ignacio Picaza e José Díaz Muñoz, ao igual que con outros militantes mariñáns como José Temblás, morto anos máis tarde na loita guerrilleira. Ao producirse o golpe militar de xullo do 1936 cando contaba con 45 anos, O Gardarríos fuxiu ao monte, acompañado polos seus conveciños José Pérez Novas, Bonifacio e Vicente Rico, todos eles afiliados ao PSOE. Principiaba a escribir a súa propia lenda, que non deixaría de medrar, incluso moito máis alá da súa tráxica morte doce anos máis tarde.

Sen dúbida, as penurias que pasou inicialmente nos montes mindonienses foron extremadamente duras, debido á fonda represión exercida na zona por membros de Falanxe e da garda civil, que atemorizaban permanentemente aos familiares dos fuxidos, motivo polo que, o noso protagonista, decidiu cambiar de área xeográfica, pasando ás terras altas de Viveiro-Ortigueira. Coñecía este territorio dende a nenez, no que tamén permanecía oculto por aquelas datas, o seu curmán Xusto R. Trigo, quen lle facilitará de novo o contacto coa súa familia. Ademais, nestes montes fronteirizos entre as provincias de Lugo e Coruña, onde existían grandes bouzais moi preto das casas, atoparon refuxio non só os distintos grupos de escapados das terras de Viveiro e Ortigueira, senón tamén os propios fillos dos labregos desertores do exército. A confluencia nos montes entre os mozos “desertores” e os “políticos” (Grupo Neira e Núcleo de Viveiro-Celeiro) orixinou unha dependencia mutua e o estreitamento de lazos de amizade entre uns e outros, facilitando a supervivencia no monte e no entorno das casas rurais. Durante os primeiros anos da guerra civil, os fuxidos dependeron en gran parte das pequenas axudas que lles proporcionaban os labregos a nivel alimentario.

Co paso do tempo e na medida en que os grupos de fuxidos comezaron a auto organizarse, armándose, aumentando a mobilidade das partidas e creando unha ampla rede de enlaces, as posibilidades de resistencia aumentaron. No mes de novembro do 1938, logo da caída definitiva da fronte asturiana, unha quincena de fuxidos das zonas de Viveiro-Riobarba-Cabanas-Ortigueira, decidiron constituírse en guerrilla, denominada co nome dun antigo guerrilleiro ruso chamado Tchapaief. Resultou elixida, por maioría de votos a seguinte dirección: Luís Trigo Chao, Secretario Xeral, José Castro, Secretario de Propaganda, José Neira de Arquivo e Modesto Vilar e Enrique Calixto para a elaboración de estatutos e estudos dos posibles golpes económicos.

Entre os obxectivos do comité Tchapaief, ademais de organizárense formalmente como guerrilla, destacaban os de abastecerse de alimentos, menciñas, roupas, calzado, armas, municións, medios de propaganda e demais necesidades. Porén, algúns membros do comité non foron capaces de manteren a disciplina interna e decidiron actuar por libre á hora de realizar diversos asaltos, o que xunto co considerable número de fuxidos presentados despois do remate da guerra, orixinou unha importante desorganización que non se superaría ata 1941, baixo a influencia do Partido Comunista e coa constitución da III Agrupación de Guerrilleiros de Galicia.

Mais, que pasou mentres con Luís Trigo? Sabemos que o fracaso do Comité Tchapaief, desgustouno grandemente e, en adiante, pese a continuar relacionándose cos distintos núcleos de resistentes non participará máis en ningún outro grupo organizado, actuando en solitario, ou cun reducido número de compañeiros.

A finais de 1939 Gardarrios decidiu regresar ás terras de Mondoñedo, sendo os anos nos que se lle supoñen as primeiras represalias contra falanxistas. Trataríase das execucións do líder e fundador da Falanxe luguesa José Viador (abril,1940) e do tamén represor falanxista Eladio Teixeira (xuño, 1940). Neste mesmo ano, atribuíronlle a Gardarríos e aos fuxidos Xermán Méndez García e Justo Goás Barros o atraco e morte do comerciante de Lagoa (Alfoz), Eduardo Villar Otero “O Ruiz”.

No ano 1942 asaltou a “Hermandad de Labradores de Abadín”, onde se fixo cunha máquina de ciclostil, que despois utilizaría o PSOE focense para editar até 1948 o seu órgano de prensa “Forja”, no que colaboraba o propio Trigo. En adiante, seguindo as indicacións do Partido Socialista, ao que sempre se mantivo fiel, cambiou de actitude, abandonando as accións armadas polos golpes económicos selectivos, multas e “avisos” a falanxistas ou represores significados. Mentres,

relacionase tamén con outros fuxidos da zona como Juan Martínez García, Venancio Seoane Rouso ou Víctor Otero “O Valiño”, ademais de Mozart Campoamor, Arcadio de Candia ou Marcelino Fernández Villanueva “O Gafas”, cofundador da Federación de Guerrillas, que en 1947, achábase refuxiado en Lourenzá, antes de fuxir cara a Francia.

Finalmente, A Brigadilla Político-Social establecida en Viveiro, dirixida polos policías Sebastíán Fernández Rivas da Central de Madrid e Diego García Correa de Monforte, deu na Coubeira, en Mondoñedo, co enlace Benito Rivas, que os informou da casa de Encarnación Valea Iglesias, en Lourenzá, onde frecuentaba acudir Trigo en compaña da súa nova moza Antonia Díaz Pérez. A operación policial rematou coa morte da parella o 25 de xuño do 1948, a detención dunha tépeda rede de máis de 40 enlaces e a desarticulación do Partido Socialista no Noroeste lugués, con especial incidencia en Foz e Mondoñedo.