«Esta é a primeira vez que irei ás San Lucas dende que era un neno»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

CESAR QUIAN

Hoxe dará o pregón das feiras mindonienses das que ten lembranzas infantís

17 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor e xornalista, columnista de La Voz de Galicia e analista de política internacional con presenza tamén na prensa estranxeira (norteamericana e británica fundamentalmente) terá hoxe un papel en Mondoñedo moi pegado aos sentimentos e ás vivencias persoais, ao neno que foi Miguel Anxo Murado e que con 6 ou 7 anos vira por última vez as feiras senlleiras de As San Lucas. Ata o día de hoxe, que voltará á cidade episcopal e a terra cunqueirianas para ler o pregón.

-Que significa para vostede ser pregoeiro desta cita tan grande?

-É un honor para min porque lle teño moito cariño a Mondoñedo e, ademais, teño unha vinculación familiar por parte da miña avoa paterna. A nai de meu pai era de Mondoñedo. Entón eu sempre lle tiven moito cariño a esa cidade e porque é a cidade máis literaria de Galicia, probablemente. É unha cidade que para min sempre foi mítica.

-Que pegadas ten dela?

-Mondoñedo, por suposto, é a cidade de Cunqueiro, que é unha persoalidade literaria que parece que escurece todo o demáis. Pero tamén están Noriega Varela, Leiras Pulpeiro... é dicir, Cunqueiro é o máis importante dos escritores de Mondoñedo pero non é o único e alí un parece que sente esa presencia da literatura. Mondoñedo, ademais, é unha cidade moi singular, ten unha personalidade propia, unha cultura que a diferencia de outros sitios de Galicia.

-Nalgún traballo xornalístico e literario seu Mondoñedo foi tamén protagonista.

-Si, escribín bastante sobre Mondoñedo. Ao longo da miña vida escribín artigos, libros... nalgún deles hai algún poema dedicado a Leiras Pulpeiro e escribín moito sobre Cunqueiro que é como escribir sobre Mondoñedo tamén. É unha cidade que me interesou moito e na que estiven moitas veces. Ainda que unicamente pasei alí unha noite na miña vida, nada máis, unha vez que me coincidiu ir a un congreso de escritores e durmín no Seminario de Mondoñedo pero estiven moitas veces polo día dende neno, dende que me levaban ás San Lucas, con meu pai e meus avós. Íamos sempre ás festas. É certo que despois, xa de adulto, non volvín a ir ás San Lucas. Esta é a primeira vez que irei dende que era neno porque nunca me cadrou de ir nesas datas. Por iso me fai unha ilusión especial.

-É como volver a ser neno...

-Si. Probablemente tería seis ou sete anos a última vez que as pisei. Era moi pequeno. Teño recordos dos cabalos. Coma todos os nenos, gustábame velos pasar.

-Como ve o Mondoñedo de hoxe e se tivera que escribir sobre a cidade dentro duns anos, que cre que contaría dela?

-Para min é unha cidade viva e que evoluciona. Confío en que terá un futuro brillante, ten que telo pola situación xeográfica e polo seu potencial pero para min o Mondoñedo que teño na cabeza, inevitablemente, é o eterno, o que non cambiará por moito que se cambie.

-Seguro, ese Mondoñedo eterno será o protagonista do pregón que ofrecerá esta tarde, ás 20.45 horas no auditorio municipal.

-Si. Falarei tamén da miña relación coa cidade e da miña familia e da miña fascinación por Mondoñedo.