«As San Lucas son o mellor escaparate para darse a coñecer ó mundo»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

PEPA LOSADA

Miguel Souto considera que debérase traballar para conseguir declaralas ben inmaterial do país

16 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Souto (1967), presidente da Asociación As San Lucas, é mindoniense de adopción e devoto distas antigas feiras.

-¿Cantos anos leva na organización?

-Coincide que a miña casa mira ás San Lucas; vivinas dende pequeno. Eu nacín en Abadín, pero traíanme de pequeniño, con dez anos; unha parte dos meus xoguetes mercáronse nas San Lucas. Aínda teño un cabaliño aló na casa (...). E despois na comisión estou desde o 2003 ou 2004. Daquela se instituíu a Asociación As San Lucas, cando gobernaba Luís Rego, que creo que foi unha boa decisión, porque había que darlles un impulso e creo que estas San Lucas; desde ese momento, foron evolucionando; presididas por Isabel Piñeiro e eu desde o 2012.

-Está moi involucrado

-Involucrado, desde sempre; creo que xunto coa catedral de Mondoñedo, As San Lucas é un dos principias bens inmateriais do noso país e, como outras festas importantes, había que traballar para conseguir esa declaración (...). É indiscutible a súa aportación económica e o mellor, é un medio de transmitir o que é Mondoñedo, non hai nada que gastes en publicidade que sexa tan rendible como unhas San Lucas ben feitas; son o mellor escaparate para darse a coñecer ó mundo. Eu invito a todos a vir a Mondoñedo calquera día, pero esta semana de feiras Mondoñedo é moito máis próspero, frutífero, agradable. Capteino eu o primeiro ano de Mondoñedo é Poesía. Falando daquela cos poetas, familias, amigos, leváronse unha sorpresa en positivo, viron un Mondoñedo vivo, en evolución, cultural.

-¿Cambiaron moito?

-(...) Creo que están no mellor momento que eu acordo. Con esta oferta de seis días fortes. Fixemos esa chegada {a dos cabalos á praza da catedral}, que empezamos no 2011. Eu levaba anos querendo facela. Con todo cariño, dicíanme que era moi complicado, pero iso facíano tódolos anos os gandeiros ás seis da mañá, cando supostamente menos interrompían, e viñan polos camiños máis escondidos. (...) Antigamente pasaban pola praza da catedral e houbera anos que se perdera. Foi das cousas que tiña na miña memoria, na miña retina; Miguel Anxo (o pregoeiro), tamén o ten, eu incluso o lera no pregón de Cal Pardo, iso de que todos os camiños que confluían á cidade episcopal enchíanse de greas de cabalos que viñan Ás San Lucas (...) Entonces un día falándoo cos gandeiros me din ‘pois se os queres, cabalos tés’. Pois vámolos meter. E foi así e agora é un evento que lle está gustando moitísimo a todo o mundo. É único; comentáronme que en Mallorca había unha cousa parecida e logo en Italia, pero non é coma isto. Isto é algo que se recuperou e viña de moito antes, pero non se facía desta maneira organizada. Tamén o di Cunqueiro, pero perdérase e agora están tomando unha proxección internacional... Vai vin un bloguero francés que escribe guías de feiras, xa contactou co pai de Miguel García {gandeiro}. As San Lucas algo ten de especial para que levemos 860 anos con elas, imos para os nove séculos.

-O programa é fantástico

-Si, como dixo un amigo meu, ‘non queda tempo nin para tomar un café’. Trátase diso, de cubrir todas as sensibilidades do público; se a andamos promocionando como a feira máis antiga de Galicia, a xente si ven ten que quedar satisfeita. Combinamos actividades, teatro na rúa, malabares, que se facía antigamente, actividades de xogos populares (...). Logo, a nosa historia tan singular e case única de Mondoñedo nos obriga a ser un referente cultural; a proba é que celebramos dous centenarios este ano (...). E o Premio Mondoñedo10. Outra cousa que me parece moi bonita, a exposición de tractores antigos, que podemos titular ‘A volta á orixe’, xa que parte deles mercáronse nas San Lucas (...). Esta é unha festa e hai que atenderlle tamén ó corpo, hai que satisfacer os praceres habituais. Procuramos ter as mellores orquestras que estiveron por Galicia e eses dous concertos, o día 18, o gaiteiro Brais Rodrigo estará na Praza da catedral e o concerto de Medina Azahara o día 21 (...). Comer o pulpo é outro ritual. A xente despois de disfrutar da parte comercial e dos postos vai degustalo pulpo.

-¿Canto custa facer as festas?

-En esforzo, agradecer ó número de persoas que colaboran, dar as grazas a todos, á comisión; a todos eles que traballamos de maneira voluntaria, comprometida e desinteresada. Eu mesmo gasto das miñas vacacións para facelas. A nivel económico non me gusta entrar. As San Lucas son o mellor escaparate e a xente quere vir; todo o mundo ven por un prezo inferior e grazas a iso se consigue ese cartel.