«No bico un cantar» reunirá en Mondoñedo un coro de más de 400 alumnos dos conservatorios

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO

MONDOÑEDO

A edición deste ano inclúe a estrea de poemas musicados por Nico Casal de Manuel Leiras Pulpeiro e Aquilino Iglesia Alvariño

13 mar 2017 . Actualizado a las 18:02 h.

«Mondoñedo fixo unha importantísima achega á cultura galega, e ese legado que nos quedou, ese patrimonio material e inmaterial os que temos responsabilidade temos que ser capaces de poñelo en valor». A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, resumía deste xeito o valor da quinta edición de No bico un cantar, unha actividade cunha «perspectiva moi integral da educación e da cultura dun país». O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou esta mañá a cita que se producirá o próximo 2 de xuño en Mondoñedo e que reunirá un coro de máis de 400 rapaces que interpretarán textos de autores vinculados con Mondoñedo e a súa bisbarra, incluíndo, como non podía ser doutro xeito, a Álvaro Cunqueiro, pero tamén a Aquilino Iglesia Alvariño, a Manuel Leiras Pulpeiro, a Antonio Noriega Varela e Xosé Díaz-Jácome.

Dirixidos por Maximino Zumalave, os participantes interpretarán dúas estreas: os textos Non o sei, de Leiras Pulpeiro, e Neniae, de Aquilino Iglesia Alvariño, ambos os dous musicados polo compositor Nico Casal. Ademais, e xunto co quinteto de metais Hércules Brass, cantarán as versións musicais de poemas arranxadas por Juan Durán. «Isto, aparte dos valores estéticos, que son moitos, ten tamén un valor de exemplo para todos nós, de que temos que traballar xuntos e podemos facer cousas fermosas», explicou Zumalave durante a presentación da actividade, que levan a cabo rapaces que se forman na rede de conservatorios públicos de Galicia e que, segundo salientou tacou Román Rodríguez, fan un «enorme esforzo» compaxinando a formación ordinaria coa musical.

No bico un cantar xa rendiu tributo en anteriores edicións a Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas e aos trobadores galegos.