30 anos do telefilme «Novo de Parmuide»


Dous anos antes de que Chano Piñeiro rodara “Sempre Xonxa” (1989); Mondoñedo, Lindín, Vilanova de Lourenzá e Vidán (Santiago) serviran de escenario natural para a gravación da primeira película de ficción feita en Galicia no noso idioma. “Novo de Parmuide” (1987), unha produción de Galaxia Comunicación -compañía xerme da actual CTV, foi o primeiro telefilme realizado en galego. Roberto Vidal Bolaño dirixiu este traballo que estaba baseado en textos do xenial Álvaro Cunqueiro.

Esta comedia de 56 minutos de duración contou cun elenco integrado por Susana Dans, Manuel Lourenzo (do Valadouro), Victor Mosqueira e Laura Ponte. Na figuración participaron moitos veciños das localidades onde foi gravado. En Lindín, na suposta eira de Novo fixeron de extras Mónica Rubal, Ángela e María del Mar Pardeiro, Antonio Ledo e Roberto Fernández, ademais do coro de nenas integrado por Marián Salgueiro, Carmen Maseda e Ana Teijeiro. Na praza da Catedral de Mondoñedo, onde se tomaron escenas desde o faiado da casa de Carmiña Cunqueiro, xogaban Belén Bouso e as irmás Virginia e Soledad González. O mindoniense Ramón González exerceu como perruqueiro de rodaxe e o veciño de Lindín, Manuel Otero encargouse da carpintería.

Esta primeira experiencia dramática audiovisual foi o capítulo piloto da que sería a primeira serie de ficción para a TVG. “Os outros feirantes” (1989), baseada no libro de semblanzas homónimo do escritor mindoniense, tiña seis capítulos -ademais do piloto-: “Hermelina da Ponte”, “O Verdugo”, “A orella dereita de Antón de Leivas”, “Padín de Carracedo”, “Tristán García” e “Roque de Goás”.

Se no 2014 lembramos a eclosión do cine galego co 25 aniversario das estreas de “Sempre Xonxa”, “Urxa” e “Continental” e no 2016 vimos de celebrar o centenario da primeira película de ficción feita en Galicia (cinema mudo); non podemos deixar pasar que neste 2017 se cumpren 30 anos da gravación de “Novo de Parmuide”.

No 2001 Cunqueiro provocaría que outra serie, desta volta “Terra de Miranda” producida por Voz Audiovisual para a TVG fora gravada en diferentes localizacións de Mondoñedo e a súa contorna ao longo das súas primeiras tempadas. En vida, Cunqueiro fixo traballos específicos para o cine e a televisión, así o director Guerín Hill rodou en 1966 un documental titulado “Galicia” no que se facía un percorrido histórico polo pais. Nese mesmo ano, o mindoniense escribiu o guión de “Xantares”, un capítulo pertencente á serie de Televisión Española “Conozca usted España”.

Tampouco debemos esquecer que no 2011 Antón Dobao dirixiu a adpatación para a gran pantalla da novela cunqueiriana «Se o vello Sinbad volvese ás illas». Estea ou non rematada neste ano a Casa-Museo de Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, non debera faltar neste contedor cultural un lugar para lembrar a vinculación do autor do “Merlín e familia” co audiovisual, máis aló das súas experiencias radiofónicas.

Votación
6 votos

30 anos do telefilme «Novo de Parmuide»