Cantando a Leiras

Fran Bouso O OUTEIRO DE MONDOFORTE

MONDOÑEDO

15 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

 A semana pasada, con motivo do 104 aniversario do pasamento de Manuel Leiras Pulpeiro (25/10/1854-9/11/1912), chamáronme dunha emisora de radio para que lles recomendara un tema musical inspirado nalgún poema do autor de “Cantares Gallegos”.

O primeiro que se me pasou pola cabeza foi “Roseiras de rosas roxas” de César Morán. Unha composición que ademais de fermosa é accesible, porque a podemos escoitar en liña na rede en varias versións.

A que sempre recomendo

A que sempre recomendo é a interpretada ao violín por Rebeca Maseda, Afonso Morán ao contrabaixo e o propio compositor á guitarra e voz. Non é o único poema de Leiras que ten musicado o profesor, escritor e músico berciano de nai mindoniense, “Se querés desmorriñarme” é outra das cancións da súa autoría que axudan aínda máis a que os versos de Leiras cheguen ao fondo do corazón. “Río de son e vento”, CD poético-musical sobre textos de literatura contemporánea (Xerais, Vigo, 1998) foi o primeiro traballo discográfico de Morán Fraga e “Haberá primavera”, libro-disco con poemas de Álvaro Cunqueiro (Galaxia, Vigo, 2011) o segundo; creo que lle teño escoitado nalgunha ocasión que o terceiro estará adicado a Leiras Pulpeiro, un traballo agardado por moita xente.