Retírase Recalde, o eterno capitán e goleador do Atleti Lourenzá: «Debín andar polos 250 goles con esta camiseta»

Iván Díaz Rolle
IVÁN ROLLE LOURENZÁ / LA VOZ

LOURENZÁ

XAIME RAMALLAL

Marcha aos 39 anos porque prefire facelo sentíndose «importante» e sostén que no seu pobo o fútbol se vive como en poucos sitios: «Foi unha gozada»

16 may 2023 . Actualizado a las 20:16 h.

Tras 15 tempadas, o Atleti Lourenzá perde ao seu inconfundible capitán e gran referente goleador. Iván Recalde Docampo (Lourenzá, 1983) foi despedido como un heroe por Santa Cruz na derrota por 0-2 ante o Castro e deixa o fútbol cando aínda se sentía importante. O Iberia, o Xove Lago, co que chegou a militar en Terceira, e o Foz tamén o desfrutaron.

—Por que decide retirarse?

—Teño 39 anos, xa é moito tempo. Tiña a decisión tomada a principio de tempada. Creo que todo ten un principio e un final e penso que a partir de agora me ía custar cada vez máis fisicamente. Ademais, levo toda a vida sentíndome importante, evidentemente teño estado no banquiño como calquera, pero quería marcharme sentindo que aínda sumaba. Ademais, hai que dar paso á xente nova, tócalles tirar do carro.

—Foi un bo ano. Marcou dez goles e conseguiron a permanencia.

—Foi moi positivo, aínda que a principio de tempada ata me agobiei porque sempre tiven moita sorte coas lesións e agora apareceron. Apenas tiven nunca problemas físicos e como tamén me botan poucas tarxetas sempre xoguei case todo. Se non me equivoco, no ano do último ascenso xoguei tódolos minutos de tódolos partidos. O pasado xa me perdín algún partido e na terceira xornada deste sufrín unha rotura que me tivo fóra cinco ou seis, pero na segunda volta enganchei bastante ben e metín dez goles. Gustaríame ter marcado algún máis, pero foi positiva porque ao final salvámonos, que é o obxectivo, pero quedoume a espiña de que penso que tíñamos equipo para estar máis arriba.

—Tivo opcións para xogar en divisións superiores?

—Estes últimos anos xa non me chamaba ninguén, debeuse correr a voz de que non me movía. Puiden irme varias veces a Preferente e na Coruña cando vivía alí enteráronse e tamén me chamou algún equipo de Terceira.

—Con que se queda destes anos?

—É o que di todo o mundo, pero é a verdade, ao final un quédase cos amigos que saca do fútbol. Ademais, eu quédome con como se vive o fútbol en Lourenzá. É moi chamativo que nun pobo tan pequeno se viva tantísimo o fútbol. Sendo unha persoa tan arraigada como me sinto ao pobo, foi unha gozada estar tantos anos e sendo capitán do equipo do meu pobo. É certo que en todos os sitios onde estiven me trataron moi ben, considero Foz a miña segunda casa, pero o Atleti é máis bonito aínda.

—Cal é o seu primeiro recordo ligado ao fútbol?

—Pois comecei con sete anos, creo, no Cárnicos Río de Riotorto. Daquela non había moitos equipos aquí e meterámonos na Liga de Lugo coa condición de aceptar xogar sempre de visitantes. O meu primeiro recordo ligado ao fútbol é meu avó levándome a xogar.

—Cal foi o seu mellor gol?

—Afortunadamente metín bastantes. Lembro un que fóra escollido o mellor da semana no En Xogo, pegáralle de volea ao segundo pau contra o Sporting Pontenova. Son moi especiais os que valeron ascensos, como un de cabeza que foi o 2-1 xogándonos subir contra o Guitiriz. Incluso o último, a semana pasada de falta en Antas cando íamos 1-1 para pechar a permanencia, foi moi importante.

—Leva a conta dos seus goles?

—O outro día falaban que no Lourenzá, en sénior, debín andar polos 250 goles, máis ou menos. A media sería de 12 ou 15 por tempada. Un ano metín 30, outro 25, pero tamén este 10... 

O capitán, arroupado polos seus compañeiros na despedida o pasado domingo.
O capitán, arroupado polos seus compañeiros na despedida o pasado domingo.

«Hai relevo, queda un equipo moi novo e con moita calidade»

Recalde móstrase convencido de que ao fútbol laurentino lle veñen anos bonitos por diante.

—Cambiou moito o fútbol desde os seus inicios?

—Cambiou, pero non son dos que pensa que para peor. É verdade que antes había menos cousas, entón tódolos rapaces querían xogar ao fútbol. Igual que agora con todo o que hai na televisión a xente vai menos aos campos de fútbol. En Lourenzá, por sorte, aínda segue habendo moita xente no fútbol.

—Primeiro retirouse Montxo e agora vostede. Influíu?

—Ía ser o mesmo, eu tíñao claro, pero cando se marchou noteino moito porque somos moi amigos fóra do campo e tiña a costume de estar tódolos adestramentos con el. Noteino bastante, pero non influíu para que eu marchase, tíñao decidido. Ata a min mesmo me sorprendeu o claro que o tiña.

—Está garantido o relevo xeracional no Lourenzá?

—Estou seguro de que si. Queda un equipo moi novo e con moita calidade. Eu era o que subía a media de idade no once. Teñen todos 20, 21 ou 22 anos, excepto Garrafín e meu irmán. Teñen moi bos anos de fútbol por diante.

—Tamén vai probar coas carreiras de montaña ou como matará agora o tempo libre?

—Gústame moito xogar ao pádel e son bastante competitivo, pero o tema de correr non me vai. Tratarei de correr algo para non engordar moito de repente, pero o tema de saír ao monte como fai Montxo, de momento, non pasa pola miña cabeza. Faláronme para xogar ao fútbol en veteráns, pero agora estou algo saturado, quero descansar. Seguirei axudando á directiva do Lourenzá, porque a verdade é unha pasada canto traballan e somos uns cantos xogadores máis veteráns os que estamos involucrados.