Lourenzá celebra as Letras Galegas para Fernández del Riego: «Faise xustiza por fin cun referente da cultura»

LOURENZÁ

Francisco Fernández del Riego, cando foi nomeado Fillo Predilecto de Lourenzá, en 2001
Francisco Fernández del Riego, cando foi nomeado Fillo Predilecto de Lourenzá, en 2001 No disponible

A alcaldesa, Rocío López, e a asociación Patrimonio Laurentino festexan un nomeamento polo que «levamos moito tempo loitando», e a vicepresidenta provincial Maite Ferreiro ensalza a un intelectual «aberto e respectado por todos»

10 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Con «felicidade absoluta» e «orgullo» celebra Lourenzá, en palabras da súa alcaldesa, Rocío López, a decisión da Real Academia Galega (RAG) de dedicar o Día das Letras Galegas de 2023 a Francisco Fernández del Riego, Fillo Predilecto do municipio. «Por fin se recoñece toda a labor que fixo a prol da cultura e da lingua galegas. Foi un dos grandes impulsores desta festa da nosa cultura e había que facer xustiza con el», explica a rexedora.

O sentimento de ledicia é extensible á Mariña, considera. «Levamos loitando moito tempo por este recoñecemento, as distintas corporacións de Lourenzá e o tecido asociativo. Elaborouse unha moción cunha petición á RAG que foi aprobada nos Concellos mariñaos e tamén na Deputación», salienta López, que agradece o respaldo tamén do Concello de Vigo ou a Fundación Penzol. Tamén se lembra de «dous veciños, Manuel Román e José López», pola súa labor divulgativa, e da asociación Patrimonio Laurentino.

Ao longo do 2023, o nome de Lourenzá estará en boca de todos durante un ano de actividades e actos para reivindicar a figura e a obra de Fernández del Riego. «Poñémonos á disposición da Xunta e da RAG e agardamos estar á altura do que el se merece», sinala López.

Desde Patrimonio Laurentino, que desde o 2020 pediu o recoñecemento para o escritor, intelectual e político, a presidenta, Remedios Gallo, define ao homenaxeado como como «un gran galeguista e un gran representante da cultura galega. Isto fará que traballemos aínda con máis ansia na nosa programación cultural para un ano perfecto», engade.

A vicepresidenta da Deputación e titular de Cultura, Maite Ferreiro, acolleu como unha «gran nova» o nomeamento e salientou que o laurentino «foi un loitador cultural incansable e unha institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo».