Para esta viaxe non facían falta tantas alforxas

Asociación Patrimonio Laurentino

LOURENZÁ

30 dic 2020 . Actualizado a las 22:33 h.

A Asociación Patrimonio Laurentino manifesta a súa sorpresa ante o tipo de actuacións que se están a levar estes días na cuberta do Mosteiro de San Salvador. Queremos lembrar que se trata dun Ben de Interese Cultural declarado Monumento Histórico-Artístico de Carácter Nacional dende o 30 de agosto de 1974 (Decreto 2834/1974).

Os criterios xerais nas actuacións dos BIC deben salvagardar a pátina histórica, os valores culturais e a súa conservación, así como respectar as características esenciais e os valores construtivos do monumento, polo que sempre se aplicará “o criterio de mínima intervención nos bens artísticos” e a preferencia pola utilización de técnicas e materiais tradicionais. Comprobamos que neste caso se están a efectuar obras nunha área de gran envergadura, arredor de 1.450 metros, con un resultado que supón un extraordinario impacto visual no conxunto histórico artístico, e que a actuación sobre a cuberta que foi deteriorándose ao longo dos anos, que está a consistir na colocación dunha chapa metálica gris en toda esa superficie, non garda ningún parecido coa cuberta de lousa da igrexa ou do resto de edificios colindantes e está a supor a retirada cando menos dunha boa parte da estrutura de madeira existente.

O orzamento destinado tamén nos parece moi significativo, en concreto 126.223,07 euros, para unha actuación que se presenta como temporal. A Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia no Artigo 40. Modelos de intervencións, recolle as modalidades de “Conservación, sen que se afecten as características formais o soporte estrutural” e a de “Consolidación: acción ou medidas dirixidas ao afianzamento, o reforzo ou a substitución de elementos danados ou perdidos para asegurar a estabilidade do ben, preferentemente co uso de materiais e elementos da mesma tipoloxía que os existentes, ou con alteracións menores e parciais dos seus elementos estruturais, respectando as características xerais do ben”. As actuacións de emerxencia, como as que se propoñen, tal e como indica a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, deben en todo caso acreditarse mediante unha proposta de intervención debidamente xustificada, e limitaranse aos labores estritamente necesarios para evitar as causas urxentes do seu deterioro de forma temporal. Por todo o exposto, solicitamos que se comece a traballar inmediatamente para conseguir o antes posible unha actuación definitiva, que poña solución ao estado de deterioro actual do inmoble e a estas solucións tan distantes dos valores orixinarios do conxunto monumental.

A Asociación Patrimonio Laurentino manifesta así mesmo que entende e comparte a incredulidade e indignación de moitas veciñas e veciños de Lourenzá ás que se lles pide a diario o cumprimento dun gran número de formalismos burocráticos e estritas esixencias por parte dos organismos encargados de velar pola adecuación á legalidade urbanística ou de tipo patrimonial para calquera obra nas súas vivendas e agora coñecen sorprendidos a conformidade con este tipo de actuacións de tanto impacto sobre o Patrimonio. Entendemos que estas actuacións deben contar cos preceptivos informes e/ou memorias supervisadas para as autorizacións e licencias polos servizos técnicos municipais e autonómicos pertinentes, coa corresponsabilidade que isto supón no cumprimento da legalidade vixente.

O Artigo 19, da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico , indica con claridade que nos monumentos declarados Bens de Interese Cultural non poderá realizarse obra interior nin exterior que afecte directamente ao inmoble ou a calquera das súas partes integrantes sen autorización expresa dos organismos competentes, correspóndendolle á comunidade autónoma a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de Galicia. Por este motivo, a Asociación Patrimonio Laurentino considera de gran importancia a interlocución cos representantes da Xunta de Galicia para lograr entre todos coidar e preservar os valores artísticos do conxunto monumental, traballar para que se realice unha rehabilitación respectuosa e definitiva, acorde a tales fins e a outro fundamental como é poñer en valor este ben de xeito que sexa de utilidade para a sociedade. A Asociación Patrimonio Laurentino ofrécese a colaborar para que se faga realidade a reivindicación veciñal de que se se leve adiante unha actuación integral e se destine a usos de interese social o mosteiro, e non se siga no camiño de obras para parchear, instalacións cerradas e sen uso, o deterioro e o abandono dun conxunto artístico que ten grandes posibilidades.

As entidades que integran a administración local, en relación cos bens do patrimonio cultural, que se localicen no seu ámbito territorial teñen, conforme ao sinalado no Artigo 3 da lei, a “obriga de adoptar as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que visen a súa integridade ou o seu valor ameazados”, e tamén traballar a prol da dinamización social, cultural e económica no seu ámbito. É por isto polo que reiteramos tamén a nosa oferta para colaborar co concello de Lourenzá na reivindicación da cesión do mosteiro, para a súa utilización polas veciñas e veciños e en beneficio deles, así como nas iniciativas que se deban levar adiante por parte do concello para a súa recuperación, dentro dun plan que coide todos os seus valores culturais e artísticos.

Dende a Asociación Patrimonio Laurentino solicitamos que no futuro cesen este tipo de actuacións provisionais e se aposte por obras de rehabilitación de carácter definitivo que, con un custo probablemente pouco superior ao que está a realizar neste momento, suporían unha verdadeira solución aos problemas de conservación e á necesidade da utilidade social.

Reiteramos unha vez máis a nosa disposición a colaborar.