A presenza de lobos na Mariña Oriental

ÓSCAR CHAO PENABAD

LOURENZÁ

22 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende Proxecto Rebinxe, xunto con Grupo Lobo Galicia, levamos tempo traballando en labores de investigación e seguimento do lobo (Canis lupus signatus) no norte da provincia de Lugo a través do proxecto “O da la miúda”.

Recentemente producíronse na zona contactos con este animal, con fotografías que circulan a través das redes sociais (como temos constatado trátase de 2 machos periféricos, que polo tanto non teñen a día de hoxe opción a reproducirse e formar un grupo).

É por isto que queremos aclarar cal é a situación actual na Mariña oriental nos concellos de Lourenzá, Trabada, Barreiros e Ribadeo, así como facilitar unha serie de recomendacións para evitar danos ao gando, evitando a difusión de mensaxes alarmistas ou sen fundamento.

1º- Hai que aclarar que a presenza de exemplares na zona non é estraño, feito que ratifica o último censo encargado pola Consellería de Medio Ambiente no que se indica que esta especie estende a súa área de distribución ao 98% do territorio da provincia de Lugo. Así pois, o lobo está presente entre nós, moito máis do que cremos, pero pasa desapercibido na maior parte das ocasións, salvo cando provoca danos á gandería ou resulta avistado preto de poboacións. Este último feito tampouco debe resultar anormal nin preocupante: poden observarse exemplares, mesmo de día, que se dirixen á súa zona de refuxio, máxime estes días de confinamento nos que os animais poden atopar maior tranquilidade. Ademais, a gran humanización do territorio, o efecto barreira de certas infraestruturas e a degradación ou desaparición total ou parcial do hábitat propicio para a especie provoca máis encontros con estes exemplares ao non existir espazos libres da actividade humana onde o lobo atope tranquilidade.

2º- É importante recalcar que a presenza do lobo non supón un perigo real para as persoas: a última morte en España data do ano 1959 e os escasísimos ataques que puideron terse producido son debidos a causas moi excepcionais. Coma calquera animal silvestre evita o contacto coas persoas, basta con non molestalos.

3º- Importancia para a conservación. O lobo é o carnívoro social máis grande que habita a Península, e por tanto ten un papel biolóxico moi importante, sendo unha peza insubstituíble nos ecosistemas. As súas poboacións, como predador apical, autoregúlanse: non pode haber máis lobos dos que un territorio pode soportar. Estes animais buscarán como presas preferentes os ungulados silvestres (fundamentalmente corzos e xabarís de pequeno porte). Evitan a presenza humana e non se porán en risco atacando ao gando, pero é necesario poñerllo difícil adoptando unha serie de medidas de prevención. Ademais, o lobo mantivo unha relación co ser humano dende tempos inmemoriais, supoñendo un gran valor cultural que non podemos obviar.

4º- Riscos para a gandería. En todos os lugares onde habita a especie existe probabilidade de ataques ao gando, pois trátase do único gran carnívoro do noso país xunto co oso pardo, e busca alimento alí onde o pode obter con maior facilidade. Hai que dificultarlle o acceso ás reses, polo que a opción máis eficaz par evitar os ataques ao gando é a adopción de medidas preventivas. A maioría de valados, cercados, pastores eléctricos, etc. que se observan, salvo que reúnan unhas condicións específicas, non resultan eficaces. Por isto instamos ás persoas que posúan gando especialmente sensible (ovellas, cabras, poldros de menos de 8 meses, gando bovino de poucos meses) sen protección mediante cans tipo mastín que adopte, na medida das súas posibilidades, algunhas das seguintes medidas de prevención:

- Control e vixilancia dos animais con maior frecuencia.

- Retirar este gando pola noite cara algún lugar protexido: cabanas, alpendres, cortes... e de non ser posible situalo en fincas con pastores eléctricos ou cans.

- Solicitar información e axudas para a prevención de danos ás explotacións gandeiras que ofrece a Consellería dende o 2016 (compra de mastíns, instalación de cercados...). O Decreto 297/2008, do 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo en Galicia, recolle unha serie de medidas adoptar no relativo á conservación e xestión da especie. Este Decreto segue sen cumprirse na súa maior parte. Sobre as medidas preventivas: na súa Sección cuarta, Punto 20, recóllese: 4. Fomentarase a divulgación aos gandeiros sobre os distintos métodos de prevención de danos, para o que se realizará unha campaña informativa ao respecto que incluirá a elaboración e distribución dun folleto explicativo. Bótase de menos este tipo de actuacións por parte da Administración autonómica.

5º- Compensación por danos: Ninguén pode obviar o enorme trastorno que provoca a perda dun animal para un gandeiro/a. Ademais do impacto económico, a miúdo deben afrontar danos psicolóxicos nos animais que sobreviven a un ataque, abortos, ou mesmo animais que desaparecen imposibilitando solicitar a correspondente axuda. Por iso é tan importante previr estes ataques. Por parte da Consellería ofrécense compensacións por danos ao gando, que deben solicitarse seguindo os trámites correspondentes. Lamentablemente, os retrasos e dificultades nos pagos e compensacións dos danos sobre as reses non axudan e fomenta aínda máis a conflitividade coa especie.

6º- Control da especie: Os citados concellos atópanse na Zona 3, onde o control da especie é excepcional e supeditado á adopción de medidas preventivas. Neste sentido cabe recordar que está totalmente prohibida a súa caza (só nos casos moi excepcionais e unicamente poderán ser realizados polos axentes da consellería competente en materia de ambiente). Por suposto, calquera outra acción de caza ilegal (velenos, trampas…) supón fortes sancións administrativas e é obxecto de persecución por parte dos axentes. Estas actuacións supoñen un risco moi elevado para outra fauna, tanto salvaxe como doméstica.

Tendo en conta esta información agardamos que sexa de utilidade para coñecer algo máis sobre a situación da especie na zona, previr danos sobre o gando e evitar o alarmismo no que moi a miúdo e de xeito inxustificado se ve envolta a especie.