«Houbo momentos na historia nos que a faba estivo case prohibida»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía LOURENZÁ / LA VOZ

LOURENZÁ

CEDIDA

Manuel Román Ramos é o pregoeiro da vixésimo novena cita gastronómica de Lourenzá, que se celebra de hoxe a domingo

04 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de recibir propostas en edicións anteriores, esta vez dixo «si». Manuel Román Ramos le este sábado (Praza Conde Santo, 12.00 horas) o pregón co que se vai inaugurar a XXIX Festa da Faba de Lourenzá que realmente xa comeza este venres coa apertura do expositor invitado (Concello de Ponteceso) ás 19.00, actuación de Clave de Fado (Salón de actos, 19.30) e cata comentada de viño a cargo da Adega Regina Viarum de Sober (Centro de Interpretación da Faba, 20.30 horas).

-Coñéceno por Manolo de Cartas realmente.

-Porque o lugar onde naceu meu pai, na parroquia de Couboeira en Mondoñedo, chamábase As Cartas. Aquí coñéceme case todo o mundo como Manolo de Cartas. Mirando documentos antigos, o lugar recibiu o nome dun apelido que se chamaba Cartas.

-Moito lle gusta a historia...

-Non sei se sabe, eu fun mestre. Cando me xubilei unha das cousas ás que tiña medo era a aburrirme e busquei hobbis. Un foi a historia en xeral pero tamén local, o que é a interhistoria. Cando les documentación, tamén apuntas porque senón vaise o santo ao ceo. Agora teño unha documentación, penso que bastante completa de Lourenzá. Sabe que é un concello pequeno pero é rico en historia porque Vilanova, a capitalidade, ten un mosteiro que se fundou no século X. Os mosteiros foron durante moitos séculos focos de cultura, economía e civilización. A abadía de Lourenzá durou case 900 anos. Bibliografía de Lourenzá realmente non hai demasiada. A que hai vén dunha persoa moi culta que recuperou o Museo de Arte Sacro, César Chavarría, tamén do historiador Carlos González Paz, que publicou libros sobre a figura de Osorio Gutiérrez, e o noso gran Fillo Predilecto que é Fernández del Riego, que escribiu numerosas cousas sobre Lourenzá. É o que temos.

-Pero hoxe recurrimos moito a Internet ou á Wikipedia...

-Si, pero ten o que lle meten. E se non se lle meten, non está.

-Como reaccionou ante a petición de ser pregoeiro?

-Pedíronmo máis veces.

-Fíxose de rogar, logo.

-Non. Sabe que pasa? A veces non tes as ideas claras ou cóllente de sorpresa e eu son unha persoa que se se compromete con algo, gústame cumprir. Non dicir «si» e despois non saber saír. Este ano volvéronmo a dicir e díxenlles que si. Tamén quero cooperar co que é o meu pobo e vila.

-Ten xa o guión listo?

-Claro! Tampouco se vai apartar nada do que é un pregón tradicional dunha festa gastronómica, evidentemente. É a exaltación do produto, o recoñecemento das persoas que fan posible todo ese traballo, un pequeno resume de como se chega á Festa da Faba e algún recordatorio... pero nada que se saia do guión.

-Como lle gustan as fabas?

-Oh, as fabas! Hoxe en día teñen un recoñecemento de produto culinario de primeira calidade. Acompaña a moitas comidas dende o tradicional ao lacón, chourizo, morcilla a un salpicón, ensaladas, peixe, ameixas... ata un tipo de pastel. É un produto que hoxe está moi valorado. Cando antes estivo infravalorado; incluso houbo momentos na historia en que estivo case prohibido por parte dun bispo, porque dicían daquela que era «afrodisíaco, pecaminoso». Hoxe en Lourenzá están coidando moito o produto, coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP), hai un Consello Regulador, mírase a xenética da semente... Estase traballando ben.

«Estase coidando moito o produto, coa Indicación Xeográfica Protexida»

«Lourenzá é un concello rico en historia porque ten un mosteiro que se fundou no século X»