Homenaxe ao guerrilleiro «Gardarríos» en Mondoñedo e Lourenzá

La Voz MONDOÑEDO / LA VOZ

LOURENZÁ

CEDIDA

Terá lugar o sábado 23 de xuño. Emigrante en Cuba e Arxentina, onde participou no movemento obreiro e se vinculou á ideoloxía socialista, foi o secretario xeral desta organización en Mondoñedo durante o período republicano

11 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As localidades de Mondoñedo e Lourenzá acollerán o sábado 23 de xuño unha homenaxe a Luis Trigo Chao, «O Gardarríos», coincidindo co 70 aniversario do seu asasinato, acontecido o 25 de xuño de 1948 en Vilanova. Segundo sinalou Xosé Luis Fernández Rivera, membro da comisión popular pro homenaxe ao Gardarríos, «o obxectivo do acto é deixar testemuño da entrega á loita pola democracia de Luis Trigo e a súa compañeira Antonia Díaz Pérez, asasinados en Lourenzá vai para 70 anos. Luís Trigo Chao, nado o 24 de decembro de 1891 en San Pantaleón de Cabanas no antigo Concello de Riobarba, foi o máis coñecido guerrilleiro antifranquista da comarca da Mariña. Emigrante en Cuba e Arxentina, onde participou no movemento obreiro e se vinculou á ideoloxía socialista, foi o secretario xeral desta organización en Mondoñedo durante o período republicano. Gardarríos de profesión, perseguido pola súa militancia política con motivo da súa implicación na revolución de 1934, non dubidou en pasar á clandestinidade, unha vez triunfou o golpe de estado franquista, para fuxir da represión. Estivo agochado en diversos lugares de comarca até xuño de 1948, cando foi asasinado en Lourenzá.