«Non hai medalla que faga sentir o que sintes correndo o Camiño»

I. DÍAZ ROLLE CORREDOR DE MONTAÑA E PEREGRINO

LOURENZÁ

O laurentino fixo en 30 horas os máis de 160 kilómetros que separan a Praza de Conde Santo da do Obradoiro

17 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«O esforzo pagou a pena», sentenza un canso pero emocionado Martín Pardiñas Díaz (Lourenzá, 1988) tras completar o que califica como o seu maior reto. O corredor de montaña do club Toxiza vestiuse de peregrino para percorrer os máis de 160 kilómetros -cen millas- que separan polo Camiño Norte a Praza de Conde Santo da súa vila natal da do Obradoiro, en Santiago de Compostela, en pouco máis de 30 horas. Partiu ás 17.30 do venres e rematou recén cumprida a media noite do sábado.

-Vaia paliza...

-Xa non había forzas para máis. E iso que ao chegar estaba como anestesiado. Estou mellor do que pensaba, as pernas apenas me doen, aínda que si a espalda e os talóns.

-Que foi o máis duro?

-Fixo calor, e eu lévoa mal. E tamén a néboa pola noite, non vía os carteis... E ademais os cans soltos. Tiven un baixón sobre as tres ou catro da tarde do sábado, pero non pensei en deixalo. Parei un pouco para comer e beber algo e seguín.

-Nalgúns momentos sería imposible correr...

-Non sempre corrín, claro. Pero non hai subidas tan brutais como en moitas das carreiras de montaña que fago, e iso permite correr cómodo.

-Sentiuse só?

-Dá tempo a pensar en todo, vas só, pero non me sentín só nunca. Tamén levaba o apoio en coche da miña moza e dúas amigas.

-Que motivación se atopa para facer algo así.

-O trofeo é a experiencia. Non hai medalla que faga sentir o que sintes correndo o Camiño. Os peregrinos que atopaba dábanme ánimos. Foi todo moi místico, especial. Para mín é un antes e un despois, nunca fixera algo así. Entráronme as gañas adestrando polo Camiño hai anos e fixera unha promesa á miña avoa.

-Conseguiu a Compostela?

-Si, todo quedou nunha anécdota. O trato na oficina foi boísimo.