Mercedes Rodríguez Moreda: «Ás veces ser muller penalízate, negocian máis cómodos entre eles»

FOZ

Mercedes Rodríguez Moreda, no seu despacho
Mercedes Rodríguez Moreda, no seu despacho PEPA LOSADA

Filla do último ruleiro funcionario de Foz, foi xerente da OPP Lugo e directora xeral de Pesca

25 mar 2023 . Actualizado a las 04:49 h.

Que Mercedes Rodríguez Moreda (Foz, 1971) está orgullosa do seu forte vínculo co mar faise evidente ao entrar no despacho onde exerce a avogacía, na súa localidade natal. Decoran o espazo un vello compás, o da embarcación Santana, na que gañou a vida un avó, e tamén o espectacular corno de caracola mariña que lle servía para comunicarse. Ademais, loce a figura do emblemático pescador de Sargadelos, ao que traba unha pescada. Aínda que Rodríguez Moreda non faenou nunca, é unha voz privilexiada para falar do mar, pois durante máis de 20 anos dedicouse á xestión pesqueira, tanto á fronte da OPP Lugo como na Xunta de Galicia, como directora xeral de Pesca.

—O mar venlle de familia.

—Meu pai foi ruleiro funcionario, o último que houbo en Foz. Comezou a principios dos 70, poucos anos despois de nacer eu, e retirouse na época na que pechou a lonxa focense. Eu nacín nunha casa, a dunha avoa, pegada á ribeira, e logo vivín na zona de Tupide. Desde a habitación sempre se vía o mar. Tiñamos un bar no campo e un chiringuito no muelle. As subastas de variado das seis da tarde, vir os barcos cargados de sardiña ou chicharro, eran o habitual para min.

—Pero a seu pai non lle gustaba que o vise rular.

—Non. Si o teño acompañado, de noite, á subasta de mostra do cerco. Aínda que estaba familiarizada con toda esa cultura, lembro que moita xente pensaba que a subasta era á alza cando se facía á holandesa. Logo lembro tamén, aínda que seguramente non era consciente de todo, como Foz foi perdendo dinamismo como porto pesqueiro a raíz da chegada á Mariña da industria do aluminio, que en moitas cousas supuxo un desenvolvemento moi importante. Había parentes meus que tiñan barcos e o deixaron... Fixéronse a lonxa nova e a fábrica de xeo, pero a pesca esmorecía. Había problemas de calado que non favorecían. Notei o cambio ao vir moita xente de fóra a vivir aquí, cando se construíu Alúmina-Aluminio, agora Alcoa.

—Sempre lle tirou a avogacía?

—Desde nena. Hai unha película que me marcou, non lembro o nome. Amosaba como se preparaban os casos para defendelos despois.

—Foi Premio Extraordinario en Dereito.

—Si, na facultade de Santiago, no ano 1994. Lembro de daquela eramos unhas 700 persoas, na quenda de tarde podiamos ser uns 300 ou 400 alumnos en clase. As miñas irmás e máis eu fomos a primeira xeración, dunha familia moi extensa, que estudamos unha carreira universitaria. Era a gran ilusión de meus pais e esforceime moito. 

—E como acabou na pesca?

—Cheguei á OPP Lugo no 1996. A organización constituírase dez anos antes e naquel momento queríase relanzar con novos servizos, entre eles un de asesoramento xurídico. Aí comecei e no 1999 pasei a xerente. Era outro mundo distinto asesorar a xestionar, pero xa representara á OPP en reunións, xa elaborara alegacións... Non partín de cero.

—Cantas mulleres había en cargos coma o seu naquela altura?

—Moi pouquiñas. Como moito, unha decena en España.

—Foi difícil para vostede ocupar ese posto?

—Non. Ao principio notei certo paternalismo, igual tamén por ser xove, pero dura pouco: en canto demostras que tes un criterio, xa te ven doutro xeito.

—Mellorouse na integración da muller nas directivas?

—Durante un tempo si, pero agora percibo unha redución da presenza da muller en cargos directivos. Penso que inflúe que houbo unha redución importante da frota, e con iso do número de agrupacións. Pero tamén creo que a día de hoxe hai unha certa regresión. A nivel de negociar e de tratar estes asuntos, entre ser un home e unha muller penaliza ser muller, están máis cómodos tratando entre eles.

—A OPP pretendía dar voz á frota lucense. Hai quen aínda esquece que a provincia de Lugo ten mar.

—A idea era involucrar á frota: arrastre, de espada, o cerco... Daquela estabamos xuntos Celeiro e Burela, e pretendiamos ter unha única voz. Había unha frota especializada, peculiaridades, como que as lonxas pertencían aos armadores, e queriamos que cando se elaborasen as normativas se nos tivese en conta. Ao principio era todo moi pequeno. Tanto que traballabamos na OPP dúas ou tres persoas, e cando recibiamos unha chamada telefónica simulabamos voces para que pensasen que tiñamos alguén máis en secretaría (risadas). Pero penso que conseguimos poñer A Mariña na primeira liña da pesca.

«Fórzase á desaparición a unha parte da frota, deberamos preguntarnos que imos comer»

Despois de ostentar a xerencia da OPP Lugo entre 1999 e 2016, Rodríguez Moreda pasou á Administración.

—Que supuxo para vostede ese cambio?

—Foi un cambio importante, porque comecei a ter competencias sobre temas cos que non estaba tan familiarizada: baixura, acuicultura... Pero gustoume. Son unha persoa que agradece os retos e de todos os traballos que fixen aprendín algo. Nese caso decateime de que sabía delegar, convencer e implicar a outras persoas. Os funcionarios preguntábanme se non me frustraba a cantidade de trámites que hai que facer, pero eu penso que eses trámites son unha garantía para a Administración e tamén para o administrado.

—Como ve a situación da pesca?

—É un momento moi duro. No 2008 houbo moitos despezamentos, pero aínda que minguou a frota as empresas que quedaron eran modernas. Pero agora, ademais de que temos problemas externos ou coxunturais, como o prezo do gasóleo, hai outros estruturais: existe desde instancias europeas unha verdadeira obsesión pola protección medioambiental, sen ter en conta as consecuencias socioeconómicas. Estanse a demonizar sectores como o arrastre. E está a eólica mariña: os parques non deben substituír os caladoiros, hai que atopar unha coexistencia.

—Estase a forzar unha nova reconversión?

—Moito me temo que se está a forzar unha desaparición. A frota dos 300 quedou nun cuarto, e o peor é que os que quedan están a piques de tirar a toalla. Haberá posiblemente novos despedazamentos. As preguntas que deberamos facernos, como sociedade, son: Esa é a solución? Que imos comer?