Iván Álvarez Merayo, arqueólogo: «A mina de ouro romana de Foz era parte da mesma rede que Las Médulas»

FOZ

Iván Álvarez Merayo é arqueólogo
Iván Álvarez Merayo é arqueólogo CARLOS CORTÉS

Da man de Mariña Patrimonio, exercerá este sábado de guía no xacemento da Espiñeira

09 jul 2022 . Actualizado a las 13:51 h.

O arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo exporá este sábado, primeiro nunha charla (casa da cultura de Foz, 11.30 horas) e logo nunha visita guiada ao xacemento (17.00 horas), o moito que sabe sobre a minería de ouro romana e a antiga mina da Espiñeira. Farao da man da asociación Mariña Patrimonio, que organiza estas dúas actividades divulgativas.

—Que explicará na conferencia?

—A conferencia será xenérica, sobre os sistemas de explotación auríferos romanos. Explicarei que técnicas usaban, como a forza humana ou a auga, ou como construían canais e de que tipo os facían...

—Que importancia tiña o ouro para o Imperio Romano?

—Houbo aproveitamento de ouro desde a Prehistoria. Sabémolo polas alfaias. Nas primeiras épocas o que se facía para obtelo era o bateado dos ríos. A partir do Imperio Romano, houbo un cambio importante. Anteriormente, utilizábase este metal precioso para elaborar xoias que daban prestixio social. Con Roma, tivo outro papel económico, foi por exemplo un medio de pago. Daquela, para manter a infraestrutura imperial necesitábase en moita maior cantidade, e fóronse incorporando sistemas de explotación máis complexos, e novos focos. Para iso viñeron os romanos (ri). Buscaban materias primas: ferro, bronce, ouro...

—Que impacto tivo esa nova minería sobre as formas de vida?

—En Galicia e en León, por poñer dous exemplos, cambiou a localización dos asentamentos, construíndo poboacións alá onde traballaban os mineiros. Onde había captacións de auga, apareceron castros de nova creación dedicados a manter eses canais. As formas de vida cambiaron menos.

—Que características ten o xacemento da Espiñeira?

—A mina de ouro da Espiñeira está catalogada por Patrimonio e polo PXOM de Foz. Tiña unhas doce hectáreas, pero está xusto en fronte doutra que hai en Barreiros, na zona das Covas, que é espectacular. Están situadas na mesma lóxica do Masma e formarían parte dunha rede de aproveitamento dos recursos.

—Un complexo mineiro.

—Falamos do mesmo río, do mesmo sedimento, da mesma época de aproveitamento... O lóxico é que houbese moitas máis minas nesta área, porque Galicia foi un lugar de explotación intensa e ten o dobre de patrimonio arqueolóxico que o Estado español no seu conxunto. O propietario das minas era o Imperio Romano. Iso fai que estes xacementos teñan tamén relación con Las Médulas, por poñer un exemplo, porque falamos do mesmo proceso administrativo.

—Como funcionaba a mina?

—Era unha mina de erosión, cunha rede de canais para ir orientando a auga segundo a máxima pendente. O caudal ía arrastrando o sedimento cara zonas de lavado. No propio xacemento poderemos ver unha parte da técnica que se usaba.

—De que xeito se podería poñer en valor o xacemento?

—En canto a unha explotación industrial abandonada, non ten moita lóxica unha escavación. Agora, neste tipo de xacementos é fundamental un bo mantemento e a cartelería axeitada.

—Poder visitar un xacemento arqueolóxico cun arqueólogo marca unha diferenza substancial. Sería interesante afondar neste tipo de actividades divulgativas?

—Se non vas con alguén que saiba non ves o xacemento. Para que non teña a formación axeitada, un castro é difícil de interpretar. Sabe que é un lugar de asentamento, pero non o por que das cousas: que facían, por que eran dese tamaño, se había unha forxa castrexa nunha lareira...