E seguimos sen aprender nada

Francisco Cajoto ALCALDE DE FOZ

FOZ

PEPA LOSADA

11 nov 2021 . Actualizado a las 17:29 h.

Podo entender o desencanto coa política que experimentan moitas persoas. Hoxe vivimos nun mundo de instagramers, de tik-tokers, de twitter e de inmediateces. Nun mundo mediático, de vídeos efectistas e algunhas veces efectivos. Non importa o que digas, importa como o digas: a mentira non ten custo e a honra pasa as máis das veces a un segundo plano. Abundan os «aprendices de bruxo» que intentan enfeitizar vasoiras, buscando atallos que non levan a ningunha parte. Porque o resultado non importa, o único que adquire valor para eles é unha mensaxe, un titular, aínda que sexa falso.

Non quero retrotraerme a lexislaturas pasadas. Nunca tiven que botar a ninguén do despacho, moito menos -como se fora posible- do Concello. Non bloqueei ningún perfil de facebook nin borrei comentarios críticos,

penso sinceramente que a única forma de convencer é debater e explicar: cultivar o respecto, que debería ser principio fundamental para calquera persoa.

Semella que o lóxico non resulta para todos. As inxurias sobre unha suposta ameaza a colectivos é algo moi grave, pero as mentiras sen custo promóvense, pois non traen consecuencias para o mentireiro. E nesa actividade de «alfarero» da política, de modelar a arxila ou o barro máis elemental, hai auténticos e verdadeiros profesionais.

Mágoa que se siga nesta liña. Foz merece algo máis e hai quen segue sen decatarse. Cando se convida ao voceiro do Partido Popular a unha reunión conxunta con Augas de Galicia para resolver as legalizacións das captacións de auga, a negativa é a resposta. Supónselle influencia sobre a Xunta de Galicia, gobernada polo seu partido con maioría absoluta. Supónselle gañas para resolver un problema xerado no seu mandato. Supónselle interese de reactivar a construción de vivendas en Cordido, despois de que o PXOM aprobado -parcialmente- no 2018 substituíra as Normas Subsidiarias e bloqueara as edificacións nesa parroquia. Demasiadas suposicións, a realidade é outra moi distinta. Desde a investidura, cando resultou imposible unha reunión de traballo para o traspaso de poderes, seguimos sen aprender nada.

A cada intento de «zancadilla» redobraremos o esforzo. A nada á que se refire merece ser substituída coa realidade: cos feitos, cos traballos e o empeño que expoñemos todas as semanas. Honestidade, seriedade e responsabilidade.